Site icon Crónica3.com A Mariña

Manuel Lourenzo Pérez recibe en Mondoñedo a distinción de Cunqueiriano de Honra

Mondoñedo, 4 de febreiro, 2023. O martes 28 de febreiro o dramaturgo, actor e director, Premio Nacional de Literatura Dramática, Manuel Lourezo Pérez recibirá a distinción de Cunqueiriano de Honra de 2023. Será no Salón de Plenos do Concello de Mondoñedo ás 12:00h, onde estará acompañado por autoridades locais e autonómicas. Converterase, así, no sétimo homenaxeado dende que se instituíu este galardón.

O Concello de Mondoñedo e a Casa Museo Álvaro Cunqueiro promoven a distinción de Cunqueiriano de Honra co fin de recoñecer o labor daqueles persoeiros que se teñen significado na visibilización e proxección da figura do escritor mindoniense.

Neste 2023 unha comisión designada ao efecto polo Concello de Mondoñedo e a Casa Museo Álvaro Cunqueiro, organizadores do evento, decidiu premiar a longa e vizosa traxectoria como cunqueiriólogo do dramaturgo Manuel Lourenzo.

A comisión que o elixiu estivo formada por César Cunqueiro (fillo do escritor), César Antonio Molina (Cunqueiriano de Honra do ano anterior), Alberto García Fernández (Concelleiro de Cultura, Educación e Novas Tecnoloxías), Antonio Reigosa (Cronista Oficial de Mondoñedo), Abel Vigo García (Técnico de Cultura municipal), Miguel González Somovilla (xornalista e estudoso da obra de Cunqueiro) e Armando Requeixo (Coordinador de Actividades e Publicacións da CMAC). En representación desta comisión, e en nome das entidades organizadoras, será Abel Vigo quen pronuncie a laudatio do homenaxeado.

O dramaturgo mariñán recibe esta distinción en recoñecemento á ampla traxectoria vital vencellada á dramaturxia e á literatura cunha fonda pegada de Álvaro Cunqueiro.

En 1965 crea con F. Pillado o Grupo de Teatro “O Facho” e dous anos máis tarde “Grupo de Teatro Circo. En 1970 funda con F. Pillado a Escola Dramática Galega e en 1980 crea a compañía teatral Luís Seoane. Entre outras moitas accións cabe destacar a creación da Escola de Teatro Casa Hamlet, en 1998, e o Clube de Teatro Élsinor uns anos antes.

Recibiu o Premio Nacional de Literatura Dramática 1997 por “Veladas Indecentes”, o Pedrón de Ouro en 2001, é Socio de Honra da Academia AELG dende o 2007 e profesor Honoris Causa da ESAD. Foi tamén premio Otero Pedrayo en 2011. E recibiu o Premio Álvaro Cunqueiro de Teatro en dúas ocasión, no 2009 e 2016, por “Flores de Dunsinae” e “Suite Artabria”.

Recentemente foi publicada toda a súa obra en 7 volumes. Ensaista, Poeta, Narrador, Tradutor e, sobre todo, Dramaturgo conta con máis de 150 obras na súa traxectoria vital.

Con esta designación de Manuel Lourenzo como Cunqueiriano de Honra (que inclúe figura conmemorativa e diploma acreditativo) o Concello de Mondoñedo e a Casa Museo Álvaro Cunqueiro consolidan a traxectoria destes nomeamentos, que en anos anteriores recoñeceron o labor de persoeiros como Darío Villanueva, Víctor F. Freixanes , Rexina Vega ou César Anonio Molina, entre outros.

Exit mobile version