Site icon Crónica3.com A Mariña

Loureiro destaca que a pensión media en Viveiro subirá máis de 1.200 euros anuais neste 2023

Viveiro, 1 de febreiro de 2023. A alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, informa dos datos da revalorización das pensións nos veciños e veciñas do concello, trala súa aprobación polo Goberno central o pasado mes de decembro.

Segundo a suba do 8,5% estipulada, os 4.561 pensionistas que viven en Viveiro pasarán dunha contía media de 1.019,78 euros ao mes a cobrar 1.106,46 euros.

Os fogares dos pensionistas da vila verán así aumentado unha media de 86,7 euros a súa paga cada mes (máis a subida das pagas extraordinarias).

“Nun contexto difícil para todos como é o actual, os nosos pensionistas deben ter unha pensión digna para dispoñer da calidade de vida que merecen. Esta suba axudará a evitar situación de vulnerabilidade que estamos a sufrir”, subliña María Loureiro.

O obxectivo de que os maiores non perdan poder adquisitivo ao vincular o incremento do IPC ao incremento das pensións, tradúcese para os viveirenses nunha suba total anual de máis de 1.200 euros.

“Este aumento supón non só unha máis que merecida inversión na calidade de vida dos nosos pensionistas, senón tamén un beneficio para o resto da poboación. Son en total 5,5 millóns de euros máis ao ano os que chegarán a Viveiro e que redundarán, sen dúbida, en tódolos sectores da vila”, engade a rexedora de Viveiro.

“O sistema público de pensións é prioritario, un piar fundamental do noso Estado de Benestar que debemos protexer e consolidar”, aplaude María Loureiro, que cualifica esta histórica suba das pensións como unha cuestión de “dignidade e de xustiza”.

Exit mobile version