Lugo, 8 de febreiro de 2023. A secretaria de Estado de Turismo, Rosana Morillo, e o delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, trasladaron esta tarde aos concellos da provincia as novas oportunidades e investimentos do Goberno para impulsar o turismo sostible. O encontro tivo lugar na Deputación de Lugo e contou tamén coa participación do presidente provincial, José Tomé, e a subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez.
Rosana Morillo e José Miñones animaron aos alcaldes e alcaldesas a solicitar financiamento para os seus proxectos na nova convocatoria de Plans de Sostibilidade Turística, que está aberta ata o 6 de marzo a través do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo, cun presuposto de 478 millóns do Plan de Recuperación do Goberno.
Trasladaron ademais as subvencións de Patrimonio Cultural (BIC) das que se poden beneficiar as entidades locais e avanzaron que as axudas de mellora da competitividade e de dinamización do Patrimonio Histórico estarán a disposición dos concellos proximamente, unha vez que as bases xa se publicaron en decembro.