Fixo un chamamento aos lucenses a que volvan ás salas de cine, “gozando dunha experiencia única ao tempo que apoian ao noso sector cultural”
Viveiro, 23 de febreiro de 2023. A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, reiterou hoxe en Viveiro o sólido compromiso do Goberno de Pedro Sánchez co sector audiovisual, que se reflicte cos 96.000 euros en axudas que o Ministerio de Cultura destina para impulsar as salas de exhibición cinematográfica da provincia de Lugo. A subdelegada desprazouse este xoves aos Cines Viveiro, un dos establecementos beneficiarios das achegas estatais, e alí, acompañada da alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, e do responsable da empresa que xestiona os cines, Alberto Fuentes, supervisou o apoio do Goberno á industria cultural.
Isabel Rodríguez recoñeceu que ante o panorama actual marcado polos novos hábitos de consumo da sociedade derivados, principalmente, do crecemento das plataformas dixitais “o apoio das institucións públicas ás salas de cine, sobre todo dos concellos pequenos como pode ser Viveiro, é fundamental para a supervivencia destas salas que son un importante axente dinamizador da vida e a oferta cultural das localidades”.
Deste xeito, a subdelegada avanzou que son 6 os cines da provincia que se benefician destas axudas procedentes do Instituto da Cinematografía e das Artes Audiovisuais (ICAA) que teñen como principal obxectivo garantir a súa actividade e superar os efectos da pandemia, “enmarcadas na aposta do Goberno de Pedro Sánchez por potenciar e acelerar a recuperación do tecido empresarial cinematográfico e audiovisual, sectores estratéxicos para a economía e a cultura do país”. Neste senso, lembrou que os Presupostos Xerais do Estado para este 2023 contemplan un aumento do 62,7% dos fondos para axudas a salas de cine, pasando de 65 a 106 millóns de euros.
Isabel Rodríguez aproveitou a visita para poñer en valor o traballo que desenvolven as salas de cine da provincia como Cines Viveiro, aos que felicitou pola súa capacidade e innovación e o seu esforzo por atraer os novos públicos cunha ampla programación, dotando ás 3 salas coas que conta de equipamento de última xeración como os proxectores láser, “conseguindo que os espectadores poidan gozar de sesións audiovisuais completas e de máxima calidade”.
Nesta liña, avanzou que o Goberno abrirá unha nova convocatoria do Bono Cultural Xove con axudas de 400 euros para os máis de 23.000 rapaces e rapazas galegos que este ano cumpren a maioría de idade. Deste xeito, animou a mocidade a solicitar estes vales para ir a cines como o de Viveiro, mercar en librarías, gozar de concertos en festivais ou adquirir videoxgos, entro outras posibilidades. Ao mesmo tempo, fixo un chamamento ás empresas da industria cultural da provincia a adherirse a este programa, como xa fixo Cines Viveiro, para que as persoas novas poidan investir estes cartos nos seus negocios e beneficiarse da inxección económica de máis de nove millóns de euros que supón está medida en Galicia.
Por último, Isabel Rodríguez fixo un chamamento aos veciños e veciñas da provincia a que volvan ás salas de cine, “gozando dunha experiencia única e incomparable ao tempo que apoian ao noso sector cultural”.