A esta cantidade hai que sumar outros 12,3M€ da segunda liña do programa coa que se desenvolverán actuacións que beneficiarán ás 67 localidades
Isabel Rodríguez reuniuse esta mañá na Subdelegación coas responsables de Telefónica en Galicia, Paula Rodríguez e Patricia Rodiño, para coñecer a marcha dos traballos que desenvolve esta empresa para o despregamento da fibra óptica na provincia de Lugo con cargo a este plan estatal.
A subdelegada informou de que o Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital avanza no obxectivo de proporcionar conectividade ao rural da provincia coa primeira convocatoria de axudas do Programa UNICO-Banda Ancha, adxudicada a Telefónica, que dedica 10,2 millóns de euros para financiar proxectos en 64 concellos da provincia de Lugo. A esta cantidade hai que sumar outros 12,3 millóns da segunda liña do programa UNICO-Banda Ancha, adxudicada na provincia de Lugo á empresa Adamo Telecom, coa que desenvolverá actuacións que beneficiarán aos 67 municipios lucenses.
Coa primeira convocatoria deste programa, a empresa Telefónica xa fixo todos os traballos de enxeñaría e deseño, e agora mesmo está a executar a fibra óptica nos concellos da provincia para chegar a máis de 10.300 zonas, onde se localizan 45.500 vivendas e empresas. “Con estas novas implantacións na provincia, vaise completando a universalización do acceso ás telecomunicacións de nova xeración en todo o territorio”, remarcou Isabel Rodríguez quen engadiu que este Plan “é tamén un exemplo de colaboración entre o sector público e o privado, xa que a execución dos proxectos realízana empresas do sector das telecomunicacións”.
A subdelegada lembrou que este programa de axudas parte da aposta do Goberno de Pedro Sánchez por levar a banda ancha a toda a provincia. “Imos chegar a máis de 25.000 zonas sen cobertura dos 67 concellos da provincia para que os veciños e veciñas conten cun servizo fundamental”, subliñou Isabel Rodríguez. Ademais, puxo en valor esta iniciativa estatal “que responde a unha demanda da cidadanía, sobre todo da xente que vive no rural, á que garantimos conexión a Internet de alta velocidade, dentro da liña de traballo do Goberno de loitar contra o despoboamento”.
Deste xeito, as dúas convocatorias do Programa UNICO permitirá, con fondos do Plan de Recuperación, a dotación de banda ancha de polo menos 100 megas a practicamente todo o territorio. O obxectivo é que en 2025, ano en que finaliza o Plan, o 100% dos municipios, non só da provincia, senón de toda Galicia, dispoñan de conexión de banda ancha.