Site icon Crónica3.com A Mariña

Isabel Rodríguez clausura en Ourol o plan “A Administración cerca de ti”, co que o Goberno achegou os trámites administrativos ao 88% dos Concellos da provincia

Nas sesións programadas nos Concellos o persoal da Subdelegación tramitou máis de 500 certificados dixitais de distinto tipo, entre os que destacan o certificado electrónico e a Cl@ve permanente

Ourol, 14 de febreiro de 2023. A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, confirmou hoxe en Ourol o éxito do plan “A Administración cerca de ti”, co que o Goberno achegou os trámites administrativos ao 88% dos Concellos lucenses. A subdelegada trasladouse esta maña á localidade mariñá onde concluíu na provincia este programa impulsado polo Ministerio de Política Territorial, coa colaboración da FEMP, “co que avanzamos na cohesión territorial dos municipios do rural, ampliando dereitos e ensinando aos veciños e veciñas a manexarse coas ferramentas dixitais que ofrece o Estado, facendo unha Administración aberta e accesible a toda a cidadanía”, destacou Isabel Rodríguez.

A subdelegada avanzou que tras dous meses de programa a Subdelegación de Lugo chegou aos 59 municipios, con menos de 8.0000 habitantes, que estaban previstos visitar na provincia con este plan estatal, “aqueles con maiores dificultades de acceso á Administración, para así poder atender as súas necesidades de forma efectiva”. Neste senso, acompañada do alcalde de Ourol, José Luis Pajón, a subdelegada agradeceu aos Concellos a súa colaboración no desenvolvemento da “Administración cerca de ti” que beneficiou a máis de 137.000 veciños e veciñas que viven nestas vilas.

Durante o encontro, Isabel Rodríguez incidiu no compromiso do Goberno de España por atender aos concellos do rural, resaltando que o reto demográfico é un dos seus principais eixos de actuación. “Traballamos co obxectivo de proporcionar ás persoas que residen fóra das cidades e en pequenos concellos, o acceso aos servizos públicos esenciais, entre os que se atopan os trámites administrativos máis habituais. Son iniciativas que se sitúan en liña coas políticas de reto demográfico, entre as que se atopan o programa de carteiros rurais, que xa permiten realizar xestións, envíos e pagos desde o domicilio, ou a instalación de caixeiros automáticos en pequenas localidades” finalizou.

Nas sesións programadas nos municipios o persoal da Subdelegación tramitou máis de 500 certificados dixitais de distinto tipo, entre os que destacan o certificado electrónico e a Cl@ve permanente. Na maioría dos casos, as persoas que asistiron demandaron tamén información sobre os trámites máis frecuentes dentro do perfil de cada colectivo: pensións, prestacións de Seguridade Social, xestións coa Dirección Xeral de Tráfico, IMSERSO ou Catastro, servizos dispoñibles nas sedes electrónicas dos organismos e departamentos ministeriais en materia de estranxeiría, xustiza, homologación e convalidación de estudos, entre outros.

Isabel Rodríguez aproveitou a presentación do plan en Ourol para recoñecer o traballo dos funcionarios e funcionarias públicas da Subdelegación que estiveron desde novembro percorrendo os pobos de xeito voluntario e resolvendo dúbidas á veciñanza “para que os servizos públicos estean dispoñibles en todos os puntos do territorio”.

O catálogo de servizos electrónicos da Delegación do Goberno en Galicia ofrece 125 trámites de xeito telemático, entre os que se atopan xestións relacionadas cos servizos de Estranxeiría; pago de taxas; comunicación de mobilizacións; validación de títulos universitarios estranxeiros ou a presentación de queixas ou suxestións ante a Administración.

Exit mobile version