A Administración autonómica agarda aprobar a norma como proxecto de lei na próxima primavera e remitila ao Parlamento co obxectivo de enriquecela mediante acordos con todos os grupos da Cámara
A representante do Executivo galego detallou aos representantes das distintas ramas do sector marítimo-pesqueiro os pasos na tramitación da nova norma -nestes momentos estanse a estudar as alegacións recibidas na fase de información pública- e explicoulles que entre os fins últimos desta regulación está evitar as constantes trabas do Goberno central ao desenvolvemento das actividades asentadas no litoral.
Rosa Quintana, que estivo acompañada por outros responsables da Consellería do Mar e pola catedrática da Universidade da Coruña e membro do Observatorio do Litoral de Galicia, Marta García, lembrou que a Xunta vai incorporar ao texto aquelas suxestións e ideas que contribúan a enriquecer a lei e facela o máis adaptada posible á realidade da comunidade autónoma.
O anteproxecto normativo busca definir claramente os usos e actividades que se poden desenvolver na costa, especialmente aqueles considerados estratéxicos para o desenvolvemento socioeconómico do litoral, como poden ser os vencellados co complexo mar-industria. De feito, a conselleira agradeceu a ampla participación do sector na fase de información pública pois presentaron alegacións tanto confrarías de pescadores como asociacións empresariais que coinciden na necesidade dunha lei galega que ofreza seguridade xurídica e permita o desenvolvemento das zonas costeiras.
Tramitación
A Xunta acordou o pasado 15 de decembro iniciar a tramitación da Lei de ordenación do litoral de Galicia co que se converterá na primeira comunidade en regular o litoral en toda a súa extensión. O Executivo galego busca garantir o autogoberno pleno sobre a franxa costeira e preservar os seus valores, paisaxes e ecosistemas en equilibrio coa realidade socioeconómica existente na súa contorna.
A previsión é que na primavera o texto chegue ao Consello da Xunta para a súa aprobación como proxecto de lei, polo que despois será remitida ao Parlamento. No trámite parlamentario tratará de enriquecerse a norma chegando a acordos con todos os grupos da Cámara e que se trate dunha regulación o máis transversal posible e que atenda todas as necesidades e intereses da comunidade autónoma.