O líder do PSdeG esixe á Xunta que execute a VAC Costa Norte e acúsaa de facer un “escapismo absoluto” coa comarca
Valentín González Formoso achegouse ao concello lucense de Foz para coñecer de primeira man os problemas xerados co derrube da estrada N-642, así como a situación das infraestruturas da comarca. Tamén tivo a oportunidade de escoitar as reclamacións dos representantes locais do PSdeG polas demoras e promesas incumpridas en materia de infraestruturas tanto polo gocerno central como polo galego.
O líder dos socialistas reiterou o “compromiso coa comarca” que ten o PSdeG e esixiu tanto a Madrid como á Xunta que “pasen das palabras aos feitos”, cada un no seu ámbito competencial. Xa que o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana ten pendente a execución da autovía A-74 da Mariña, mentres que o executivo galego a da VAC Costa Norte, que une Viveiro con Ferrol.
Reiterou que “os veciños e veciñas ca están fartos de quilómetros de papeis en forma de planos e nin un só centímetro executado”, polo que entende que é urxente que ambos gobernos se poñan a traballar xa na final construción destas infraestruturas.
BOA DISPOSICIÓN
Formoso entende que o goberno galego “enganou” aos e ás mariñenses coa fábrica de Altri que prometeu que se asentaría na comarca para logro trasladala a un concello gobernado polo PP, que cree que será “un dos actos que máis castigará ao PP nesta terra”.
Unha “actitude irresponsable” do goberno do PP que tamén se produce en Alcoa, ao seu entender, ao alentar aos traballadores a ir “a unha guerra contra a empresa” que “poría en perigo os seus postos de traballo. Formoso asegurou que na Xunta “parecen alegrarse cando está en risco o sustento de tantas familias”.
Contrapón ao executivo galego o PSdeG, que está “comprometido co futuro da instalación” e que “lle di a verdade á xente, guste ou non guste”, así como aos traballadores que “deron unha lección á Xunta e a certas forzas sindicais que actuaron moi irresponsablemente”.