Site icon Crónica3.com A Mariña

“Dile a Pilar que mueva el culo y venga para la reunión”. O PSOE denuncia que así se referiu o delegado da Xunta á deputada Pilar García Porto no encontro sobre os bombeiros

Os socialistas confían en que a Presidenta do PP na provincia, Vicepresidenta do Parlamento, candidata por Lugo e primeira tenente de Alcalde de Mondoñedo reprobe de inmediato este comportamento, “que non debemos permitir como sociedade, veña de quen veña”

Lugo, 9 de febreiro de 2023. “Dile a Pilar que mueva el culo y venga para la reunión, que deje de hacer tiempo en el despacho, que nos conocemos”. Nestes termos se referiu o delegado territorial da Xunta de Galicia en Lugo, Javier Arias Fouz, á voceira socialista do Goberno provincial e Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, sabendo que ela se ía a presentar á reunión sobre o convenio colectivo dos bombeiros do Consorcio Provincial, convocada para onte pola mañá no Pazo de San Marcos co consenso da administración provincial e autonómica.

Un encontro que o máximo representante da Xunta en Lugo rebentou, esixindo, como recoñeceu nunha nota de prensa enviada a todos os medios de comunicación, que quen debía estar era o Presidente da Deputación, José Tomé Roca, e o Secretario do Consorcio. Polo tanto, que a presencia da Deputada Pilar García Porto, en quen delegou o mandatario provincial este proceso, “non lle valía, porque, dixo literalmente na comunicación á prensa, os interlocutores necesarios son o Presidente da Deputación e o Secretario”.

Isto, por si só, constitúe “un desprezo” e “unha falta de respecto de extrema gravidade” cara a Deputada e cara a institución provincial, que ten autonomía e capacidade para nomear aos representantes que considere oportunos en cada momento, igual que fai a Xunta de Galicia, ou calquera outra administración. Demostra tamén “unha falta de cultura democrática supina e unha inexperiencia absoluta en procesos de negociación”.

Pero xunto a todo iso, o delegado da Xunta mantivo onte pola mañá en San Marcos unha actitude “prepotente, maleducada e machista” con comentarios como o anteriormente referido.

Un comportamento “intolerable” que agravou aínda máis pola tarde, no transcurso dun evento institucional celebrado no Vello Cárcere de Lugo –a clausura do II Encontro de Gobernos Locais e Cooperación Internacional ao Desenvolvemento-, onde a Deputada se sentiu “intimidada no medio dun acto público” polos comentarios que Javier Arias lle fixo de maneira continua e insistente, diante dos xornalistas gráficos e as persoas que participaron no evento, con recriminacións como: “No te lo perdono”, “os habéis pasado”, “tú eres la maleducada”, “te estoy hablando, hazme caso”.

A Deputada pediulle respecto, e que recuperara “os modais e as formas para falar”. A persistencia das alusións, da que foron testemuñas as persoas presentes, provocou tal incomodidade na Deputada que se retirou evitando que a situación fora a maiores e que se prexudicara o desenvolvemento do acto, a cuxa organización tamén entende o PSdeG que lle estaba faltando ao respecto Arias Fouz con esta actitude “totalmente fóra de lugar e incomprensible”.

Os socialistas condenan enerxicamente o comportamento do delegado da Xunta en Lugo, que é o máximo representante do Presidente do Goberno galego na provincia, Alfonso Rueda, “a quen, desde logo, non imaxinamos facendo este tipo de cousas”, polo que o convidamos a reflexionar se verdadeiramente ten en Javier Arias á persoa idónea para o cargo.

Malas formas que veñen de lonxe
“Para nós, o posto quédalle demasiado grande. Demóstrao dende fai tempo, con faltas de respecto institucional como, por exemplo, non convidar aos alcaldes e alcaldesas socialistas cando visita os seus concellos. Algo que nunca se producira antes na delegación da Xunta, como tampouco os feitos que protagonizou onte, que son a gota que colma o vaso dunha maneira de proceder impropia dun cargo público e característica dunha especie de aristócrata que quere facer valer o seu posto na Administración na que foi traballador de Suplusa, como se fose súa e puidera mandar ó seu antollo”.

“Esperamos a repulsa de Elena Candia”
A dirección provincial do PSdeG confía que a Presidenta do PP na provincia, Vicepresidenta do Parlamento de Galicia, candidata por Lugo e primeira tenente de Alcalde de Mondoñedo, Elena Candia, reprobe de inmediato este comportamento, “que non debemos permitir como sociedade, veña de quen veña, pola ofensa que supón ás mulleres”. “Sería unha boa forma de demostrar realmente o seu compromiso co feminismo, co respecto institucional e coa calidade democrática”.

Así mesmo, os socialistas emprenderán as accións que consideren oportunas para que o delegado da Xunta pida desculpas públicas, e que a súa actuación sexa censurada e non se volva a producir.

Exit mobile version