Site icon Crónica3.com A Mariña

Deu comezo en Ribadeo unha nova edición do programa formativo en competencias informáticas galegas dixitais

Ribadeo, 13 de febreiro de 2023. Hoxe deu comezo no concello de ribadeo unha nova edición do programa formativo en competencias informáticas galegas dixitais.

O concelleiro de Desenvolvemento Local, Pablo Vizoso, contou que “durante as próximas 6 semanas, 30 mulleres en desemprego ou en situación de demanda de mellora de emprego participarán no programa gratuíto de dixitalización de mulleres do rural galego, que será impartido nas aulas do Concello”.

O edil ribadense subliñou que “con esta formación, organizada a través da Área de Desenvolvemento Local do Concello de Ribadeo e financiada pola Unión Europea, búscase mellorar as capacidades dixitais das mulleres residentes en zonas rurais, para incrementar o seu nivel de empregabilidade, de emprendemento e tamén de reducir a fenda de xénero existente neste sector da poboación tanto no acceso como no emprego das novas tecnoloxías”.

Vizoso Galdo indicou que “a formación impartirase a través de 3 módulos formativos, de 40 horas cada un, comezando nas dúas primeiras semanas co módulo de Competencias Dixitais Básicas, ao que seguirán o de Competencias Dixitais Avanzadas e rematará cun módulo específico de Competencias para o Emprendemento”.

O concelleiro de Desenvolvemento Local adiantou que “debido á alta demanda desta iniciativa e ao número de persoas interesadas que quedaron en listaxe de espera, estámonos a plantexar a posibilidade de iniciar un segundo grupo de formación en horario de tarde”.

Exit mobile version