Os deputados provinciais do PP consideran que “o que está a pasar na Deputación co uso de fondos para promocionarse politicamente é algo que non pode admitirse; esa non é a forma transparente de facer política”
Para os populares, “está claro que hai un uso interesado, inmoral, dos medios propios como é a Fundación TIC ou a área de publicacións para libros e demais, e tamén de fondos para comprar propaganda e publicidade que tiña que estar para outros fins”. Castiñeira deixa claro que “no PP estamos a favor de que se gasten fondos do plan de medios para promocionar a provincia, pero estamos en contra de gastar fondos para promocionar candidatos, da esquerda, do bipartito”. Engade: “O caso máis recente é a promoción do seu candidato en Taboada, Roi Rigueira; outorgáronselle ao aspirante socialista, ademais de fondos, medios para promocionarse, como vídeos da fundación TIC e un libro das súas experiencias”. Considera que “é un protagonismo insólito comparado con algúns dos mellores artistas da provincia, que levan anos mostrando a súa valía e que as veces non teñen fondos da Deputación para seguir coa súa actividade; chama a atención que, como neste caso, outros o teñan moito máis fácil”.
Castiñeira sinala: “Pedimos á Deputación de Lugo que cese na súa actitude. O PP resérvase calquera outra actuación, porque entendemos que o que está a pasar na Deputación co uso de fondos para promocionarse politicamente é algo que non pode admitirse; esa non é a forma transparente de facer política”.