Os deputados provinciais do PP consideran que “o que está a pasar na Deputación co uso de fondos para promocionarse politicamente é algo que non pode admitirse; esa non é a forma transparente de facer política”
Lugo, 9 de febreiro de 2023. O uso dos fondos e dos medios propios da Deputación, presidida polo socialista José Tomé, xa mereceu duras críticas do grupo provincial popular. O portavoz do PP nesta institución, Javier Castiñeira, sinala: “Que a Deputación de Lugo, concretamente o goberno bipartito, use fondos públicos para facer política partidista e non para facer provincia, non nos sorprende nada, pero si que nos sorprende que o fagan tan a cara descuberta como o están a facer nesta precampaña, como acaba de ocorrer en Taboada”. Explica: “A Deputación de Lugo está usando fondos públicos para promocionar aos seus candidatos nestas eleccións; fondos que tiñan que estar destinados a promocionar o territorio e a provincia, que neste caso van a promocionar aos seus candidatos, sexan alcaldes ou non, en moitos casos descoñecidos que precisan a notoriedade que lles dá a Deputación de Lugo.
Para os populares, “está claro que hai un uso interesado, inmoral, dos medios propios como é a Fundación TIC ou a área de publicacións para libros e demais, e tamén de fondos para comprar propaganda e publicidade que tiña que estar para outros fins”. Castiñeira deixa claro que “no PP estamos a favor de que se gasten fondos do plan de medios para promocionar a provincia, pero estamos en contra de gastar fondos para promocionar candidatos, da esquerda, do bipartito”. Engade: “O caso máis recente é a promoción do seu candidato en Taboada, Roi Rigueira; outorgáronselle ao aspirante socialista, ademais de fondos, medios para promocionarse, como vídeos da fundación TIC e un libro das súas experiencias”. Considera que “é un protagonismo insólito comparado con algúns dos mellores artistas da provincia, que levan anos mostrando a súa valía e que as veces non teñen fondos da Deputación para seguir coa súa actividade; chama a atención que, como neste caso, outros o teñan moito máis fácil”.
Castiñeira sinala: “Pedimos á Deputación de Lugo que cese na súa actitude. O PP resérvase calquera outra actuación, porque entendemos que o que está a pasar na Deputación co uso de fondos para promocionarse politicamente é algo que non pode admitirse; esa non é a forma transparente de facer política”.