Castiñeira di que “falta transparencia e falta xustiza, cos concellos pequenos, que é aos que se debe a Deputación de Lugo”
Castiñeira sinala: “O grupo provincial do PP votará en contra no próximo pleno de usar case que 5.100.000 euros do remanente do 2022 para o que entendemos son fins propios da campaña electoral; como viñemos denunciando durante toda a lexislatura, eses 5,1 millóns de media son repartidos polo equipo de goberno de forma absolutamente indiscriminada e sen criterios obxectivos, única e exclusivamente, buscando fins electoralistas, intentando contentar aos alcaldes da súa cor política, mentres, polo contrario os máis de 30 alcaldes do PP non se ven reflectidos proporcionalmente no destino deses 5,1 millóns”.
Como o PP non sabe a que van ser destinados eses cartos, “e é unha contía importante, votaremos en contra; cremos que eses millóns, como xa dixemos, deberan ir sumados ao Plan Único e así os 67 concellos da provincia estarían totalmente de acordo”. Engade: “O equipo de goberno non quixo, porque prefire conxelar o Plan Único e despois mobilizar eses cinco millóns de euros ao seu gusto”.
Castiñeira destaca que esta medida é adoptada “antes das eleccións e xa vemos cal é a filosofía, a estratexia do equipo de goberno: usar fondos, os moitísimos medios do plan de comunicación da Deputación, os medios e equipos da institución, como o Parque Móbil, para facer política á antiga, propia doutros séculos, a política de Tomé que tanto o identifica”. Dende o PP, di Castiñeira, “dende todos eses municipios aos que representamos, vemos moi mal esta forma de gobernar, porque falta transparencia e falta xustiza cos concellos pequenos que é aos que se debe a Deputación de Lugo”.