O IES Perdouro organiza a lectura continuada do Chiquinho, no 75º Aniversario da súa publicación
Burela, 9 de febreiro, 2023. A biblioteca do IES Perdouro acolleu este pasado mércores, día 8 de febreiro, o acto de presentación da programación do 1º día da literatura cabo-verdiana. Nesta presentación participaron Karina Parga, responsable da bilbioteca do instituto, Natalia Irimia (Equipo de Dinamización Linguística), Miruca Parga (Vicedirectora), Vanesa Vilaverde (Profesora de portugués) e Sandra Lopes e Luís Lopes (estudantes e membros da comisión organizadora).
Vanesa Vilaverde ofreceu toda a información sobre as actividades previstas que estarán abertas a todo o público interesado e que comezarán nos próximos días 14 e 15 de febreiro, con dúas sesións de formación e animación á lectura que serán levadas a cabo en horario de tarde (das 16h ás 18h) na biblioteca do Perdouro.
A profesora de Lingua Portuguesa do IES Perdouro tamén indicou que o próximo día 14 de marzo é a data escollida para realizar a lectura do romance Chiquinho. Será nese día cando cada participante poderá ler un fragmento da obra. Tamén destacou que, co fin de facilitar a participación de todas as persoas interesadas, estas poderán realizar a lectura através de tres modalidades diferentes: presencial, videoconferencia ou enviando un video gravado previamente.
O acto foi pechado coas intervencións de Sandra Lopes e Luís Lopes, alumnos do IES Perdouro, que valorizaron este encontro como unha oportunidade marabillosa para dar a coñecer a cultura caboverdiana e pór en valor a literatura do seu país. Ambos animaron a facer a inscrición antes do próximo día 17 de febreiro.