Burela, 5 de febreiro, 2023. Unhas Guerreiras Laranxas con baixa intensidade conseguen un punto ante o Sala Zaragoza esta mañá ás 12.00 horas no Pavillón Século XXI en Zaragoza, empatando 1-1 o encontro nos últimos minutos.
Comeza o partido, con algunha oportunidade, por exemplo de Patricia no minuto 2, un balón que salva a porteira Ana Eliza que fixo un moi bo papel durante todo o partido. Ao Burela parece facérselle costa arriba o encontro, aínda que ningún dos dous equipos xeran moitas oportunidades e cústalles chegar á portería contraria. A partir do minuto 15 Dany dá un pouco de vida ao xogo, cunha boa oportunidade que salva a porteira desviándoa ao pau, un minuto despois outra que acaba en corner e no 17 outro disparo á escuadra que volve salvar Ana Eliza. Comeza a presionar máis o Burela pero sen conseguir o gol. No minuto 18 Antía lanza o balón por riba do traveseiro, despois dunha boa diagonal de Cilene e pouco depois outra boa oportunidade, que vai fóra, tras un corner. Remata o primeiro tempo sen goles.
Durante a segunda parte, do mesmo xeito que na primeira, o Burela continúa buscando o gol, presionando, sen conseguir acertar, aínda que saen á pista sen a chipa á que nos teñen acostumadxs e cunha actitude similar á da primeira metade. No mintuo 6 da segunda parte Giba aproveita un pase erróneo de Peque e véndose soa ante Jozi, anota o 1-0 que sorprende tanto ao Burela como á súa afección que se mostra eufórica ante a situación. O encontro continúa mostrándose algo errático e pouco afortunado para o Pescados Rubén, ata o minuto 29 no que Emilly ten unha boa oportunidade tras un pase de Irene Samper e pouco despois outra que de novo volve atoparse coa porteira brasileira. Tras unha falta que de non existir sería o 2-0 para o equipo zaragozano, Julio Delgado decide sacar a Patri de porteira-xogadora vendo que o seu equipo non consegue levantar o marcador da forma habitual, xa que poucas veces recorren ao xogo de 5. Presiona o Burela con varias oportunidades erradas e, tras un punto morto, o adestrador pon a Peque de porteira-xogadora, conseguindo nos últimos minutos, o 38, o gol do empate tras unha boa xogada en situación de superioridade entre Cilene, Emilly e o remate de Patricia. Continúan presionando ata o último segundo, chegando a ter dúas boas oportunidades o Zaragoza e outra moi boa de Emilly nas últimas décimas de segundo do encontro.
Axítanse os primeiros postos da clasificación na Primeira Federación de Futsal Feminina con esta repartición de puntos para ambos equipos, que fan perder ao equipo laranxa unha moi boa oportunidade para achegarse ao Futsi Atlético Navalcarnero, que perdeu contra o Poio Pescamar esta fin de semana, provocando que o equipo pontevedrés afiance o seu segundo posto, baixando o Burela ao terceiro e achegándose ambos ao Futsi que queda con 48 puntos, a 2 do Poio e a 4 do Pescados Rubén.
Nun partido con moitas oportunidades que non entraban para o equipo de Julio Delgado, o adestrador non se mostra contento co resultado, recoñécese sorprendido polo ocorrido pero mantén que “É un equipo o suficientemente maduro como para que nos deamos conta de que hai que encarar cada partido coma se fose o último que puidésemos xogar para conseguir os obxectivos que queremos. Demostrárono o sábado e o domingo, e que non estamos tan lonxe de dar unha lección de fútbol sala que puido ver todo España e non podemos cambiar a cara así en cousa de 4 días. Teñen que ser conscientes do que son, do que están facendo, do que representan. Pódense perder e empatar o partido, non che digo que non, pero ten que ser a primeira e a última vez desta tempada que se repita”.
Ficha Técnica Sala Zaragoza – Pescados Rubén Burela FS
Sala Zaragoza: Ana Eliza (P), Bravo, Giba, Mirian, Boix – cinco inicial – Illescas, Moreno, Jaimes, Nicol, Reynal, Zahra, Vero (P)
Pescados Rubén Burela FS: Jozi (P), Peque, Jenny, Patricia, Emilly – cinco inicial- Dany, Cilene, Antía, Irene Samper e Caridad (P).
Goles: Min.25 Giba 1-0; min.38 Patricia 1-1.
Equipo Arbitral: Judith Fraiz Catalán, Tomás Santander Famarique, Izan Torner Conejos, María Cinta Marín Pastor.