Site icon Crónica3.com A Mariña

As praias de Burela teñen 300 quilos menos de residuos trala limpeza simultánea promovida por Afundación

I A xornada contou coa participación de 80 persoas voluntarias de diferentes asociacións e do Espazo+60 Afundación de Viveiro

Burela, 25 de febreiro, 2023. No marco do seu programa PLANCTON (Plan de Conservación Territorial ON), e en colaboración co Concello de Burela, a Obra Social de ABANCA organizou esta mañá, unha dobre xornada de limpeza de residuos nas praias de A Marosa e O Perdouro. A actividade contou coa participación de persoas voluntarias da Fundación Eu Son, a Asociación de Saúde Mental A Mariña, e a Confraría de Pescadores de Burela, así como persoas socias do Espazo +60 Afundación de Viveiro.

Ao rematar a xornada, e tralos labores de clasificación e pesaxe coas que adoitan concluír este tipo de actividades, contabilizáronse case 300 quilos de residuos retirados polas voluntarias e voluntarios participantes na actividade, fundamentalmente restos de aparellos e outros obxectos plásticos extraviados durante o exercicio da pesca, como poden ser as boias, as marañas de sedelas, e os anacos de redes, cabos, cordas e cabiños, pero tamén refugallos procedentes do continente, especialmente cabichas, diferentes tipos de envases metálicos, de plástico ou de vidro, tapas e tapóns de botes e botellas ou obxectos relacionados coa hixiene persoal, etc.

A de hoxe foi a terceira das xornadas de limpeza de residuos en praias levadas a cabo no seo de PLANCTON no que vai de ano, un plan de conservación territorial que forma parte da estratexia de sostibilidade da Obra Social de ABANCA e que ata o de agora leva xa retiradas máis de 28 toneladas de refugallos de diferentes enclaves da costa galega. Os seus principais obxectivos son o fomento da conservación e da sostibilidade das actividades socioeconómicas desenvolvidas en enclaves costeiros con elevados valores medioambientais, tratando de promover a súa vez entre a sociedade, formas de actuar responsables que permitan manter os recursos sen comprometelos para as xeracións futuras. Todo isto acorde co compromiso de ABANCA e Afundación cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, especialmente cos ODS13 Acción polo clima, ODS14 Vida submariña e ODS17 Alianzas para lograr obxectivos.

Exit mobile version