Site icon Crónica3.com A Mariña

Aprobados por unanimidade os pregos para licitar a xestión do ciclo integral da auga en Ribadeo

Ribadeo, 17 de febreiro de 2023. O pleno do Concello aprobou por unanimidade os pregos para licitar a xestión do ciclo integral da auga en Ribadeo. Na sesión tamén se abordaron asuntos como a iluminación do viario de acceso ao porto comercial ou o arranxo do último treito da estrada ata a Illa Pancha, segundo informou hoxe o alcalde, Fernando Suárez.

O rexedor contou que “neste importante pleno de onte practicamente todos os asuntos foron aprobados por unanimidade, cando non por unha amplísima maioría. Temos que destacar a aprobación unánime por parte dos tres grupos do expediente relativo ao novo período de concesión do servizo público de abastecemento, saneamento e depuración do Concello de Ribadeo. Agora seguidamente, pasaremos a licitar esta importante concesión onde se prevén unha serie de melloras que redundarán desde o inicio en todos os usuarios deste ciclo da auga”.

Suárez Barcia explicou que “prevense unha serie de melloras como a construción dun novo e grande depósito de auga para poder ter garantido un almacenamento suficiente para facerlle fronte a calquera incidencia no subministro de auga; a implementación de novos e punteiros sistemas de desinfección da auga que substitúan aos de cloro actuais, a renovación das redes de auga, a mellora e control por parte do Concello en todo momento de todo o relativo ao circuíto da auga, e que ademais todos os canóns que o Concello reciba ao longo dos 20 anos de concesión teñan que ser reinvestidos obrigatoriamente no ciclo da auga. Con iso, aseguraremos que a auga, o saneamento e a depuración en Ribadeo sexa modélica non só a nivel de Galicia, senón a nivel do Estado e de Europa. Debemos valorar positivamente o apoio tanto do PP, coma do PSOE neste punto”.

O alcalde seguiu a relatar que “outro dos puntos foi a petición a Portos de Galicia para que ilumine convenientemente o viario de acceso ao Porto Comercial, o que pasa pola praia dos Bloques porque é da súa titularidade e ofrece un gran perigo para os viandantes polas noites. E tamén que se humanice coa plantación de árbores que cubran a carencia dos que se cortaron hai anos. Parece que hai boas esperanzas en todo iso, aínda que me permitan ser escéptico en canto ao tempo para velo feito realidade”.

Fernando Suárez dixo que “outro dos asuntos tratados a proposta do PSOE foi a de reclamar o arranxo do último treito ata a Illa Pancha, pois ese non é municipal. Desde o Concello executamos todo o paseo nestas últimas semanas para a creación tamén dun carril bici, e reiterámoslle ao seu titular, que é a Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao, para que fixese o mesmo no seu. Pediunos os terreos para ampliar o viario tamén para dotalo do carril bici e mais os permisos sectoriais. Todo iso foi logrado polo Concello e trasladado á Autoridade Portuaria. Hai poucos días este organismo estatal trasladounos por escrito que xa tiñan o proxecto redactado e que procederían a licitado en breve. Agardamos que sexa así”.

Convenio con Acisa
O concelleiro de Economía e Comercio, Pablo Vizoso, indicou que “tamén tratamos e debatemos outros relacionados coa actividade comercial, como é o caso do convenio coa Acisa. Temos que partir da realidade comercial de Ribadeo, da importancia que o comercio ten para Ribadeo. O sector do comercio, da hostalería e dos servizos ten un peso específico no noso concello e actúa como un motor dinamizador da actividade económica. Partindo desta realidade e co obxectivo de relacionar aínda máis o sector comercial con outros ámbitos de Ribadeo e que o comercio de Ribadeo se siga caracterizando por ser un comercio de proximidade, diverso, de calidade e que busca a suntentabilidade, acordamos Concello e Acisa unha serie de accións e de colaboracións para o período 2023-2025, que inclúe tamén unha achega por parte do Concello de 20.000 euros en cada exercicio, precisamente para que Acisa e Concello academos os obxectivos que nos marcamos”.

Mocións
Vizoso Galdo engadiu que “tamén se debateron varias mocións presentadas polos grupos políticos, unha delas sobre o apoio á mobilización da atención primaria, que foi presentada polo PSOE. Pola nosa parte apoiamos esta moción porque a nosa agrupación, o BNG, sempre amosou unha total sensibilidade coa sanidade pública, que consideramos un piar fundamental para a sociedade. Somos defensores dunha sanidade pública para todos, de calidade e con recursos. E non debemos permitir que se deteriore, como está ocorrendo na actualidade, e menos aínda a costa da sanidade privada. Pero é unha mágoa ver como o grupo popular cando toca falar de sanidade pública bota balóns fóra, como se este asunto non fose con eles, a pesares de que saben perfectamente que é unha competencia da Xunta, e limítanse a dicir que a situación non é tan mala e que irán resolvendo os problemas pouco a pouco. A verdade é que todos sabemos, porque nos toca directamente ou no noso entorno familiar ou de amizades, da existencia de retrasos nas consultas de atención primaria, retrasos incluso de semanas, ou dos prazos tan prolongados para probas médicas básicas, que nos obriga a desprazarnos a outros hospitais para recibir a atención médica. Toda esta situación denota unha falta de planificación desde hai anos e unha carencia de interese cara ao público, e sobre todo cara ás persoas. Esta moción saíu adiante co apoio do grupo municipal do BNG e do PSOE; o PP votou en contra”.

Exit mobile version