Site icon Crónica3.com A Mariña

Ante o anuncio de folga, o Concello de Viveiro reunirase o mércores de forma conxunta cos representantes dos traballadores e a empresa FCC

Viveiro, 23 de febreiro de 2023. Ante o anuncio de folga realizado no día de hoxe por parte dos traballadores da empresa FCC Medio Ambiente SAU, por parte do goberno municipal quérese informar que o Concello de Viveiro ten convocada unha reunión, que terá lugar o vindeiro mércores, no que estarán presentes representantes da empresa e dos traballadores.

Tras a licitación pública realizada, á que se presentaron 5 empresas, FCC Medio Ambiente SAU resultou adxudicataria do servizo de recollida de residuos e limpeza viaria, empezando a prestación do servizo en xuño de 2022.

Os traballadores da empresa Cespa Ferrovial, que prestaba o servizo anteriormente, foron subrogados. A estes traballadores, durante dous anos, non se lles actualizou o convenio, iniciando as negociación con FCC aproximadamente no mes de novembro.

As partes xa mantiveron varias reunións. Asemade, o Concello de Viveiro tamén tivo reunións ao respecto, por un lado, coa empresa, e, por outro lado, cos representantes dos traballadores.

Ante esta situación, o Concello de Viveiro convoca unha reunión conxunta con todos o vindeiro mércores, con intención de buscar unha solución ao problema existente.
O Concello de Viveiro transmite o seu apoio aos traballadores e fará todo o posible para que non cheguen á folga e que se logre un acordo.

Exit mobile version