Foz, 28 de febreiro de 2023. Alumnado de 3° e 4° de ESO do IES de Foz participou en cursos de primeiros auxilios e uso do desfibrilador, con parte práctica incluída, organizados e financiados polo Concello focego.
A concelleira de Sanidade, Kathy Navarro, explica que “o obxectivo destes cursos é que os rapaces saiban actuar ante posibles situacións de risco como atragantamentos, intoxicacións etílicas ou paradas cardiorespiratorias, déanse na rúa, na casa ou mentres están a participar nalgunha actividade. Nunca sabemos cando pode pasar e as estatísticas din que cada vez son máis frecuentes as paradas cardiorespiratorias, sobre todo en homes entre 30 e 55 anos”.
Kathy Navarro agradece ao IES de Foz “por poñer en valor a importancia destas formacións. Contan con desfibrilador nas súas instalacións, como moitos edificios do municipio, sendo Foz o concello máis cardioprotexido da Mariña”.