Site icon Crónica3.com A Mariña

Alfoz aposta pola seguridade e saúde dos seus veciños con Cursos de Primeiros Auxilios e a app Isocrona

Alfoz, 26 de febreiro, 2023. Dentro do Plan de Dinamización das Parroquias, o vindeiro mes de marzo levaranse a cabo 2 cursos de Primeiros Auxilios. O 12 de marzo na Escola de Bacoi e o 26 de marzo na Escola do Chao no Pereiro, ambos de 17:30h a 19:30h.

Gratuítos e impartidos por persoal sanitario cualificado. Abertos a todas as persoas interesadas en aprender técnicas básicas para saber reaccionar ante unha parada cardiorespiratoria, un atragantamento, unha hemorraxia, etc. pero tamén saber identificar os síntomas dun infarto ou un ictus, casos nos que o tempo de reacción é básico. Adquirir estes coñecementos pode marcar a diferenza e salvar vidas.
Para inscribirse só hai que chamar ao tfno do Concello, 982 558 001 (ext. 2) e elixir data e lugar do curso.

Desde hai anos o Concello de Alfoz conta coa aplicación Isocrona coa que se mapeou todo o municipio e se ubicaron casa por casa todas as vivendas de Alfoz, de xeito que os servizos de emerxencia: sanitarios, bombeiros, policía…contan cun programa no que non só se coñece con exactitude onde está cada unha das casas senón as condicións de acceso ou se presentan algún tipo de dificultade.

Isto supón que calquera veciño ou veciña, cando chama aos servizos de emerxencia pode decir o “nome da casa” e ten garantido que non se producirán erros coas direccións e, polo tanto, evitaranse perdas de tempo ou de recursos.

Hoxe en día cóntase con moitos recursos que nos ofrecen as novas tecnoloxías, como a app Isocrona, aproveitalos en beneficio da poboación e mellorar a asistencia sobre todo en situacións de emerxencia é fundamental.

Exit mobile version