O novo caso positivo corresponde a unha gaivota recollida no concello de Xove, que foi trasladada ao Centro de Recuperación de Fauna Silvestre do Veral
A nivel do Estado, continúan as notificacións de aves silvestres infectadas, tanto migratorias como residentes, e pertencentes a distintos hábitats e familias avícolas: anátidas como parrulos, cercetas ou gansos, aves de presa como falcóns ou miñatos e outras especies de distintas familias de aves como garzas, cegoñas, pombas, voitres leonados, quebraósos ou gaivotas. Así, rexistráronse casos en 13 das 17 comunidades autónomas.
Dada a desestacionalización da circulación deste virus que se vén observando nos dous últimos anos en Europa, é esperable que continúe a detección de novos casos de aves silvestres afectadas tanto en Galicia como no resto do territorio do Estado.
Lémbrase de novo que o virus circulante non ten capacidade significativa de infección nas persoas, aínda que por un principio de bioseguridade básica, recoméndase non manipular aves atopadas enfermas ou mortas e notificar o feito aos servizos veterinarios oficiais da Consellería do Medio Rural ou á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.
Cómpre polo tanto reiterar a necesidade do reforzo das medidas de bioseguridade nas explotacións avícolas, de calquera tipo, tanto comerciais como particulares, especialmente aquelas destinadas a evitar o contacto con aves silvestres, así como a importancia de intensificar a vixilancia de calquera signo de enfermidade tanto en explotacións avícolas como en aves silvestres, notificando a sospeita aos servizos veterinarios oficiais da Consellería do Medio Rural ou á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.