O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, lembra que algúns elementos da entrada renováronse recentemente no marco da reforma integral na que se investiron 860.000 euros
Burela, 7 de febreiro de 2023. O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, visitou hoxe o CEIP Plurilingüe Virxe do Carme de Burela para comprobar o resultado das obras de substitución do peche exterior, que contaron cun investimento da Xunta de preto de 39.000 euros.
Os traballos consistiron na demolición do peche de formigón, que se atopaba en mal estado, e a instalación dun novo valado metálico de case 300 metros de lonxitude, formado por paneis ríxidos de 1,5 metros de altura galvanizados en quente para que sexa máis resistente ás condicións ambientais.
Arias lembrou que a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades xa actuara sobre algúns elementos do acceso no marco das obras de reforma integral acometidas hai tres anos, ás que destinou 860.300 euros. Entre outras melloras, ampliouse a entrada desde a rúa das Escolas para permitir o paso de vehículos de grandes dimisións e camións.
“A Xunta realiza continuos labores de mantemento e conservación dos centros de ensino, mesmo nun completamente renovado no que se refire aos edificios e espazos docentes, como é o caso”, apuntou o delegado. “O obxectivo é proporcionar á comunidade educativa instalacións confortables e seguras en todos os aspectos”, concluíu.