Site icon Crónica3.com A Mariña

A Rede Galega de Parques sen fume da Xunta iníciase na provincia cos concellos de Cospeito, Monforte e Riotorto

Deste xeito, a Xunta dálle continuidade a programas de éxito como a rede “Praias sen fume”, que en Lugo conta con 34 praias en 15 concellos adheridos

Cospeito, 27 de febreiro de 2023. O delegado da Xunta en Lugo, Javier Arias, e a directora Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade, Carmen Durán, asistiron hoxe ao acto de colocación da sinalización da Rede de “Parques sen Fume” no Periurbano de Feira do Monte en Cospeito. Grazas a esta iniciativa do Goberno galego, Cospeito, Monforte de Lemos e Riotorto convértense no primeiros concellos da provincia de Lugo en contar con parques libres de fume de tabaco.

O delegado da Xunta e a directora Xeral de Saúde, animaron a que máis concellos se adhiran a esta rede e agradecéronlle ao alcalde, Armando Castosa, a súa boa acollida desta iniciativa e a súa aposta por proporcionarlle á veciñanza máis espazos públicos sen fume. Así mesmo, a través da Rede Parques sen Fume, iniciada en xaneiro de 2023 na Estrada, a Xunta facilitou de forma gratuíta o material de sinalización, sendo 18 os concellos adheridos en toda Galicia.

Con esta iniciativa, que leva a cabo a Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade, o Executivo galego persegue o obxectivo de crear máis espazos públicos libres de tabaco nas vilas galegas. Neste sentido, este programa, que se acaba de por en marcha, é un fillo directo doutra iniciativa de éxito como é o Praias sen fume, que a Xunta creou no 2016, e da que xa forman parte 80 concellos de toda Galicia, en total 214 praias libres do fume do tabaco. En concreto, na provincia de Lugo, son 15 concellos e 34 praias.

Segundo a directora Xeral de Saúde Pública, tanto a rede galega de praias sen fume como a de parques, “teñen un fin educativo e de sensibilización social, salientando a importancia da conduta da poboación adulta, para que sirva de modelo para os máis novos”. De aí, que os obxectivos de parques sen fume sexan a promoción dunha vida sen tabaco e a desnormalización do seu consumo; así como o respecto e coidado dos espazos públicos e do medio ambiente.

As cifras dos últimos anos indican que ao redor do 20% da mocidade entre 16 e 24 anos fuma diariamente, e lograr que estas cifras baixen é un obxectivo prioritario para o departamento sanitario galego. Ao respecto, o 75% das persoas enquisadas por Sanidade son partidarias de seguir aumentando o crecemento de espazos públicos sen fume. Tanto o delegado da Xunta como a directora Xeral destacaron a importancia que ten seguir promovendo programas, actividades ou accións que incidan na concienciación sobre o consumo de tabaco.

Compromisos

Os concellos participantes nesta iniciativa adquiren unha serie de compromisos entre os que se atopan a identificación e sinalización dos parques con materiais da rede facilitados pola Consellería de Sanidade. Ademais, os concellos comprométense a difundir entre a poboación os folletos informativos e de sensibilización. Tamén se comprometen a desenvolver actividades encamiñadas a lograr unha sociedade libre de tabaco, así como dar soporte a accións levadas a cabo no ámbito escolar e, así mesmo, organizar e impartir charlas sobre os beneficios de non fumar.

Exit mobile version