Site icon Crónica3.com A Mariña

A popular Eugenia Requeijo avisa das responsabilidades económicas que pode xerar ao Concello de Muras o acordo para intentar impugnar a autorización para a mina de Silán

A portavoz popular considera que o alcalde, nacionalista, usa a oposición á mina de feldespato como argumento puramente electoral

Muras, 14 de febreiro de 2023. No PP de Muras están convencidos de que o goberno local, e moi sinaladamente o alcalde (BNG), usa a oposición á mina de feldespato de Silán como un argumento puramente electoral, como un recurso para tratar de gañar apoios de cara aos comicios do próximo mes de maio. Así o sinala a portavoz popular, Eugenia Requeijo, á vista do acordo adoptado, coa abstención do PP, polo pleno do Concello, para intentar impugnar a autorización da citada mina, a pesar de que o alcalde durante moito tempo non expresou en ningún momento obxeccións a este proxecto industrial. Eugenia Requeijo sinala: “O malo deste uso puramente partidista que está facendo o alcalde da mina, é que se, ao final, hai que facer fronte a algún tipo de indemnización, será o Concello o que terá que pagar, é dicir, pagaremos todos os veciños de Muras, e quen sabe para canto tempo poden quedar hipotecadas as arcas municipais”.

En relación co pleno extraordinario celebrado na tarde-noite do luns, a portavoz popular destaca o feito de que o alcalde votou a favor de intentar a impugnación a pesar de que familiares seus firmaron o escrito veciñal de oposición á mina. Manifestou: “O caso curioso é que o alcalde acolleuse á Constitución, para dicir que protexe o seu dereito a votar na proposta de impugnación da autorización da mina, cando de todos é sabido o valor que dá o BNG á Constitución e a fórmula que usan para xurar os cargos institucionais”.

Eugenia Requeijo puxo de relevo que o alcalde recoñeceu no pleno que a decisión de intentar impugnar a autorización da mina podía tomala el, en función do seu cargo. “Está claro entón -di a portavoz popular- que levou a proposta ao pleno para non ter que afrontar, se chega o caso, el só as posibles consecuencias da impugnación”.

Exit mobile version