Site icon Crónica3.com A Mariña

A licitación a xestión do ciclo integral da auga en Ribadeo

Ribadeo, 27 de febreiro de 2023. O Concello sacou a licitación a xestión do ciclo integral da auga en Ribadeo, despois da aprobación dos pregos no pleno celebrado o pasado 16 de febreiro.

A xestión do ciclo integral da auga mellorará a calidade da auga de consumo, con dous novos e modernos sistemas de ozonización, que virán substituír os actuais de cloro, mellorando o sabor e o posible olor da auga, ademais da eliminación de subprodutos de desinfección. Contempla a ampliación da capacidade de auga almacenada en mais do dobre cun novo depósito de 4.660 metros cúbicos en San Xoán de Ove. E tamén prevé a ampliación da capacidade hidráulica da ETAP de Vilarbetote e diversas melloras en control e sensorización da auga de consumo.

O novo contrato prevé o cambio de aproximadamente 4.000 contadores nos dous primeiros anos da concesión, xa que a idade media deles é de máis de 20 anos. Deste xeito darase cumprimento á normativa que esixe que todos os contadores de máis 12 anos sexan substituídos por outros novos.

Para solucionar as incidencias que se producen ás veces no peirao de Ribadeo contémplase a instalación dun sistema de retención de flotantes e sólidos en suspensión que reteña estes elementos antes de que se produza a súa vertedura ao mar e os separe axeitadamente para o seu posterior transporte a un xestor autorizado de residuos. Será obriga do novo concesionario a instalación desta criba.

O futuro contrato do ciclo integral da auga de Ribadeo leva implícito un maior control das redes de auga e saneamento. O importe mínimo de todas as actuacións será de 3.200.000 euros.

A licitación do Concello de Ribadeo foi publicada na Plataforma de Contratos do Sector Público.

Exit mobile version