A concelleira de Cultura, Inés López Couto, anuncia que “a participación no desfile sigue crecendo. O seu percorrido, que será coma todos os anos pero rematará na confluencia das rúas Irmandiños e Concello de Cervo, espérase con importante afluencia de público. Para que se desenvolva correctamente pídese aos participantes que ao finalizar desexen ir ao porto que se desvíen cara á dereita (rúa Alfonso X O Sabio) e os que queiran acudir á chocolatada, cara á esquerda (rúa Concello de Cervo para poder acceder á praza de Galicia pola rúa Carlos Maside). O graderío do porto conta con máis do 95% das localidades vendidas, polo que o sábado sacaranse á venda as localidades restantes en horario de 12 a 14 horas e, se restara algunha, de 15.30 horas ata o comezo do desfile”.
Inés López engade que “o coñecido como Fozódromo contará como animadores, ademais dos protagonistas do desfile, a Juan Varela e Isi, que farán as presentacións dos participantes. Coma o ano pasado, a emisión tamén poderá seguirse en streaming dende a páxina de youtube do Concello de Foz”.
Dende a organización piden o acceso aos asentos da bancada “antes da hora do comezo do desfile, para que a saída sexa puntual”, indica o presidente de O Noso Foz, Ángel Fernández Neira.
A Delegación de Cultura agradece a todos os participantes que ao chegar “se acheguen á caseta da organización para avisar da súa chegada ao recinto portuario. Ademais este ano contamos con servizos no recinto a disposición dos participantes”.
O alcalde Foz, Fran Cajoto, deséxalles a veciñas, veciños e visitantes “que desfruten do Entroido e participen nos eventos que se organizan facendo a Foz un lugar para gozar do Carnaval da mellor maneira”.