Lugo, 10 de febreiro de 2023. A Xunta de Goberno de hoxe acordou interpoñer un recurso contencioso ante o Tribunal Superior de Justicia de Madrid contra a decisión do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana de desestimar os recursos que conxuntamente presentou a Deputación con outras administracións pola denominación oficial da ría de Ribadeo.
A voceira socialista do Goberno lembrou que se outorgou a toponimia de Ría del Eo a cooficialidade, “un feito que, como defenden os técnicos da institución provincial, vulnera a normativa reguladora da determinación dos topónimos oficiais”. “Dende a Deputación seguiremos defendendo neste proceso e sempre a denominación oficial de Ría de Ribadeo, fronte á pretensión da cooficialidade con Ría del Eo, porque carece de fundamentación técnica, xurídica e histórica”, recalcou a Deputada.
Aprobación de máis de medio millón de euros para novas obras e servizos en concellos da provincia
A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou este venres un conxunto de investimentos que superan en total máis de medio millón de euros para novas obras e servizos en concellos da provincia que servirán para mellorar o día a día da veciñanza.
Así o anunciou a Voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto, quen incidiu neste sentido en que a institución provincial converteuse nos últimos anos “nunha Administración fundamental para que os 67 concellos desta provincia presten máis e mellores servizos ós seus veciños e veciñas, resultando en moitos casos imprescindible para que poidan ofrecer as prestacións máis básicas”.
A Xunta de Goberno, explicou García Porto, aprobou unha achega de 230.000€ ao Concello de Pedrafita para a compra dun camión de recollida de residuos sólidos urbanos co fin de prestar un mellor servizo aos veciños e ás veciñas.
Tamén acordou destinar ao Concello de Meira 99.800€ para acondicionar o local Centro de Meira. “Ata fai poucos anos este sitio albergou o Bar Centro, na Praza Maior de Meira. Agora, converterase nun lugar onde se poderá desenvolver calquera actividade que teña como fin dinamizar a vida cultural desta localidade nun lugar estratéxico, pois a Praza Maior aglutina un alto porcentaxe da vida comercial desta comarca”, asegurou a Deputada.
Mellora dunha estrada en Xermade
Así mesmo, na sesión de hoxe aprobouse a licitación das obras para a rehabilitación do firme da estrada provincial LU-P-2201 ao seu paso polo núcleo urbano do concello de Xermade, entre os quilómetros 3,6 e 5,4. O investimento alcanza practicamente os 140.000€ e o prazo de execución será de 2 meses, unha vez comecen os traballos.
“Continuamos co importante esforzo que levamos realizando durante todo este mandato para mellorar a mobilidade nos máis de 4.200 quilómetros de estradas que ten a rede da Deputación, a máis extensa de España e tres veces maior ca da Xunta en Lugo”, detallou Pilar García Porto.