“A manifestación do día 12 foi un resumo das queixas que se veñen rexistrando nos últimos anos por mor das políticas de recortes e mala xestión do PP”, sinalou García Porto, que cualificou de “decepcionante” a resposta do Goberno galego
A voceira socialista do Goberno provincial e Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, lembrou que “o pasado 12 de febreiro a sociedade galega saíu á rúa para manifestar o seu desacougo coa situación da sanidade pública”, unha expresión “de rexeitamento, descontento e malestar social”.
García Porto expuxo que os facultativos con sobrecarga de doentes, os responsables dun PAC co cadro de persoal en mínimos, ou os familiares de doentes en listaxes de agarda non se xuntaron na praza do Obradoiro de Santiago de Compostela para facer política. “A manifestación do día 12 foi un resumo das queixas que se veñen rexistrando nos últimos anos por mor das políticas de recortes e mala xestión do PP”, sinalou, cualificando de “decepcionante” a resposta do Goberno galego. En concreto, apuntou a voceira socialista que o Presidente da Xunta non estivo á altura, utilizando a cita do Cocido de Lalín para esquivar as reclamacións sobre a Sanidade, nun comportamento que tachou de “insolidario e irresponsable”.
No debate, Pilar García Porto defendeu que os socialistas teñen o compromiso “firme e inalterable” de defensa dos servizos públicos e lembrou que “ao longo deste mandato que está a piques de rematar, trouxemos a este Pleno de xeito reiterado iniciativas que recollían as necesidades dos e das cidadáns da nosa provincia”. Puxo como exemplo as mocións presentadas pola falta de pediatras, de déficits na Atención Primaria, de centros sanitarios con consultas pechadas, de persoal sobrecargado de traballo, ou de doentes do rural que non teñen acceso á atención sanitaria na súa vila.
Lamentou que “a estratexia do PP ante a crise sanitaria consiste en dicir que faltan médicos en todas partes porque o Goberno de Pedro Sánchez non convoca prazas de MIR” e explicou que “a convocatoria de prazas MIR de 2023 ten sido a maior da historia, e a evolución histórica demostra que son os gobernos do PP os que recortan prazas”.
Desmentiu que o Sergas estea a convocar o 100% das prazas MIR ás que ten dereito, expoñendo que este ano vai convocar 620 prazas das 725 autorizadas polo Ministerio de Sanidade, e que en total “dende que goberna o PP deixáronse sen convocar 180 prazas de médico de familia”. A Deputada reprochou que no ano 2019 Sanidade xa contaba cun informe no que quedaban de manifesto os principais problemas do modelo de xestión.
Por todo isto, a Deputación de Lugo reclaman agora ao Goberno autonómico a elaboración dun plan urxente de melloras na Atención Primaria que inclúa o compromiso de dedicarlle o 25% do orzamento sanitario tal e como recomenda a OMS; a elaboración doutro plan urxente para a Atención Pediátrica e para reducir as listas de espera; o compromiso de convocar cada ano o 100% das prazas MIR autorizadas polo Goberno do Estado; a recuperación dos cadros de persoal dos PAC e centros hospitalarios afectados polos recortes; o deseño dunha política de persoal que cubra as baixas; e o fin da política de temporalidade dos profesionais.
Estrada principal do Courel
A institución provincial tamén reclamará á Xunta de Galicia a mellora da estrada LU-651, a principal estrada do Courel, a proposta doutra moción socialista, que foi aprobada grazas aos votos do PSdeG e do BNG. Logo do afundimento de 200 metros de firme en marzo do ano pasado, que ocasionou un corte que se prolongou durante catro meses, os efectos dos temporais dos meses de decembro e xaneiro coñecidos este mes están a precisar novas obras de reparación “que obrigan aos vehículos pesados a facer un trazado alternativo cun rodeo de 30 quilómetros, coas molestias e o incremento de custe que isto supón”.
O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, repasou a historia recente da LU-651, “un resumo da pésima xestión viaria da Xunta”, da súa “dobre vara de medir con respecto ás infraestruturas da provincia”, e acusou ao Executivo autonómico de non facer as obras de mantemento necesario “para garantir o bo estado das súas estradas, nin actúa con dilixencia cando se producen deterioros graves”.
A Deputación insta ao Goberno autonómico ao arranxo integral da estrada autonómica LU-651 para modernizar e mellorar o seu trazado e dotala dos muros de contención e elementos de sinalización e seguridade; tamén a construción da nova estrada entre Seoane e Folgoso do Courel, que leva pendente, bloqueada e sen executar dende fai máis década, para mellorar as conexións e a cohesión territorial da provincia de Lugo.