Durante o directo emitiranse promocionais do Centro de Formación Audiovisual e da sección Descubrindo Lugo que elabora o Servizo de Audiovisuais da Deputación para fomentar o coñecemento do patrimonio natural, monumental, cultural e etnográfico da provincia
A competición, organizada polo IES de Foz, comeza esta tarde, ás 17:00 horas, coa participación de centros de ensino de cinco comunidades: Galicia, Asturias, País Vasco, Castela e León, e Madrid. A emisión en directo, que poderá seguirse na canle de YouTube do Servizo de Audiovisuais da Deputación, continuará mañá, ás 9:30 horas, coa retransmisión da final da competición de escolas e a entrega de premios. O venres, tamén a partir das 9:30, poderase ver en directo o IX Campionato Internacional de Baristas Profesionais.
Práctica nun escenario real e promoción da provincia
Os estudantes do CFA, acompañados por un docente, xa están no IES de Foz traballando nos preparativos necesarios para levar a cabo o streaming. Nesta ocasión empregarán seis cámaras e todo o material preciso para a realización dun programa de televisión en directo. Cada alumno rotará por todos os postos, como realización e operador de cámara, e serán os responsables do son e dos rótulos, entre outras tarefas.
Ademais de servir de práctica nun escenario real aos alumnos, este directo a través de internet contribuirá a promoción da provincia e do modelo educativo, público e de calidade, que promove a Deputación a través do seu Centro de Formación Audiovisual. Ao longo da retransmisión emitiranse promocionais tanto do CFA como da sección de Descubrindo Lugo que elabora o Servizo de Audiovisuais da institución provincial, destinada á fomentar o coñecemento do patrimonio natural, monumental, cultural e etnográfico da provincia.
Programa dos Campionatos
O programa arranca este mércores ás 16:30 horas cunha exhibición de Adrián García e Sergio Varela do Centro de Educación Especial de Pontevedra, medalla de ouro na especialidade de servizos de restauración no I Campionato galego FP Básica Skills Galicia 2022.
As 17:00 comezará a final do XV Campionato Internacional de Baristas de Escolas de Hostalería e o X Campionato Internacional de Catas de Cafés de Escolas de Hostalería, O xoves pola mañá rematará a final do campionato de Escolas e pola tarde será o III Campionato Internacional de Cata de Cafés de Profesionais. Xa por último, venres, 10 de febreiro, rematará o encontro co IX Campionato Internacional de Baristas Profesionais.