Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación aproba reforzar con 5M€ a cooperación cos concellos e co tecido asociativo

A Deputación incorpora estes fondos procedentes dos remanentes de tesourería para impulsar medidas que axuden ao desenvolvemento económico do territorio, tal e como explicou a Deputada de Economía, Recadación, Facenda e Especial de Contas

Lugo, 28 de febreiro de 2023. A Deputación de Lugo aprobou durante o Pleno ordinario celebrado este martes, cos votos a favor dos grupos do PSdeG e o BNG, a incorporación de remanentes de tesourería ao Orzamento 2023 da Deputación de Lugo por un importe de algo máis de 5M€. Unha cantidade que servirá para reforzar a cooperación cos concellos e co tecido asociativo da provincia, segundo explicou a Deputada de Economía, Recadación, Facenda e Especial de Contas, Mayra García Bermúdez, quen apuntou que se trata de algo “fundamental para o desenvolvemento do noso territorio, porque tradúcese en contribuír na mellora dos servizos que ofrecemos ós nosos veciños e veciñas”.

O Presidente da Deputación, José Tomé Roca, defendeu a xestión de fondos da institución provincial, ao tempo que lembrou a idoneidade de que a Xunta de Galicia tome nota e estableza un reparto similar ao Plan Único provincial. Un programa que segue criterios públicos e obxectivos á hora de distribuír recursos económicos, dotado este ano con 21,5M€. O mandatario provincial incidiu en que, “coma sempre, os remanentes se distribúen entre os concellos para a inversión ou o gasto corrente que poidan necesitar nun momento determinado”.

García Bermúdez desgranou as aplicacións orzamentarias do suplemento de crédito, que ascende aos 5.097.822,52€. En concreto, a responsable de Economía, Recadación, Facenda e Especial de Contas da Deputación sinalou que estes fondos estarán destinados á promoción cultural, á mocidade, aos deportes, ao medio rural, ao turismo, á atención aos cidadáns e ás entidades locais.

Durante a súa intervención, García Bermúdez defendeu ademais a “utilidade” da acción do Goberno provincial poñendo como exemplo o traballo en materia de benestar social ou de mobilidade, sinalando que “neste mandato puxemos a disposición da cidadanía 271 prazas de atención asistencial para maiores e estamos á espera doutras 29, cando a Xunta nos conceda o PIA do centro de Ribas de Sil”, un servizo co que “xeramos en total 172 empregos directos”. Tamén engadiu que “fomos quen de amañar 400 quilómetros de estradas provinciais destinando 22M€”.

Exit mobile version