Site icon Crónica3.com A Mariña

A candidata popular, Mariña Gueimunde, reúnese coa Asociación Casco Antigo de Viveiro para coñecer de primeira man as súas preocupacións

Gueimunde compartiu cos afectados a necesidade de atopar unha solución á problemática da conciliación entre o descanso e o lecer en Viveiro

Viveiro, 12 de febreiro de 2023. A candidata do PP á alcaldía de Viveiro, Mariña Gueimunde, mantivo esta semana unha reunión coa directiva da asociación Casco Antigo de Viveiro co obxecto de coñecer en persoa as inquietudes e demandas desta asociación, que engloba a veciños que residen en inmobles situados no centro histórico da cidade. A directiva de Casco Antigo expresou á candidata popular o seu coñecido malestar polos ruídos nocturnos e os actos incívicos que se xeran na contorna dalgúns locais de lecer que funcionan no casco vello impedindo o descanso dos veciños, principalmente as fins de semana. Para paliar este problema, a asociación trasladou a Mariña Gueimunde as súas propostas consistentes en intensificar o control policial das rúas onde se concentran este tipo de actos, así como a aprobación da ordenanza municipal sobre contaminación acústica, cuxa tramitación está paralizada desde 2019, ou a revisión de licenzas dos locais que incumpran ou non se adapten á normativa.

Igualmente, informaron á candidata popular de que, a pesar de manter reunións co goberno municipal para exporlle estas e outras iniciativas, as súas propostas aínda non se materializou en ningunha medida concreta. Por iso, manifestaron a Mariña Gueimunde o seu malestar pola forma en que o goberno socialista fai oídos xordos de forma reiterada ás súas preocupacións.

Mariña Gueimunde, que estivo acompañada na reunión polo anterior portavoz municipal popular, Óscar Rodríguez, escoitou con interese as propostas da Asociación Casco Antigo coa e compartiu a necesidade de atopar unha solución á problemática da conciliación entre o descanso e o lecer en Viveiro

Exit mobile version