Viveiro, 4 de febreiro de 2023. O Concello de Viveiro pon en valor o servizo que presta a Biblioteca Municipal como fonte de cultura e formación, con case 20.000 volumes, salas de lectura e de estudo, aula de informática e wifi gratuíta en todas as instalacións.
A incorporación de fondos é unha das prioridades, logrando no ano 2022 achegar 379 novos libros ata alcanzar a cifra dun fondo total de 19.445 exemplares. A este dato hai que sumarlle as 1.200 publicacións periódicas de xornais e revistas.
Dende a Concellaría de Cultura se reafirma día a día o seu compromiso con este centro, traballando non só na súa constante renovación de fondos, senón abrindo as súas portas a iniciativas, proxectos culturais, e subliñando o seu papel tamén como centro de estudo.
Neste último punto é clave a flexibilidade e amplitude de horarios, abrindo as súas portas de luns a venres, de 08:30 a 15:00 horas e de 16.30 a 20.30 horas, e os sábados de 10:00 a 14:00 horas. En verán o horario é de 08:00 a 15:00 horas de luns a venres.
“Son moitas as persoas que elixen cada día a Biblioteca Municipal para estudiar pola comodidade das súas instalacións e os servizos que ofrecemos”, subliña a alcaldesa, María Loureiro.
O actual edificio da Biblioteca Municipal, inaugurado o 27 de marzo de 2013, conta con espazos amplos e luminosos que chaman á lectura e ó lecer. Así o reflexan cifras como o importante incremento de usuarios no último ano, con 165 novas altas, o que fai que ata 2.151 veciños e veciñas de Viveiro conformen xa a comunidade de usuarios deste foco de cultura da vila.
A actividade é constante nunha biblioteca que superou os 5.400 préstamos de exemplares no 2022.
“Non podemos estar máis orgullosos destas cifras. Dende a Concellería de Cultura traballamos por ofrecer o mellor servizo á veciñanza, responder a todas as súas inquedanzas e necesidades, e nesta liña seguiremos porque entendemos que é un dos mellores xeitos de achegar á cultura a todas as casas da vila”, afirma Lara Fernández Fernández-Noriega, concelleira de Cultura.
O centro tamén alberga diversas exposicións de libros e serve de punto de encontro nas conmemoracións de datas tan sinaladas como o Día do Libro, o Día das Letras Galega, o Día das Escritoras, da Muller Traballadora, o Día Internacional da Muller a da Nena na Ciencia, da Poesía ou o Día do libro infantil.
“Tamén neste último ano levamos a cabo moitos obradoiros como o de “As mulleres que nos constrúen”, co obxectivo de unir a figura de Rosalía de Castro coa historia das orixes de cada persoa, ou o de bolsas con debuxos e textos de Florencio Delgado Gurriarán con motivo do Día das Letras Galegas”, recorda Lara Fernández Fernández-Noriega, quen tamén sinala o labor do Club de Lectura en Feminino “para poñer en valor a obra das mulleres escritoras”.