Site icon Crónica3.com A Mariña

XuvenLugo recibiu a visita de nen@s de Barreiros

Barreiros, 3 de xaneiro de 2023. As nenas e nenos de Barreiros viaxaron onte a XuvenLugo, nunha xornada lúdica organizada polo Concello de Barreiros, por medio das escolas deportivas municipais.

As crianzas, que puideron viaxar acompañadas das súas familias, partiron da praza do Concello ás 15 horas e regresaron sobre as 21:30, despois de pasar unha tarde de actividades e diversión no Pazo de Feiras e Exposicións de Lugo, onde hai instaladas atraccións e actividades dirixidas aos máis pequenos.
Na viaxe, na que se incluía o desprazamento en autobús e as entradas, acompañounos a alcaldesa, Ana Ermida, que por razóns familiares non puido desprazarse no autobús.

A actividade enmárcase nas actividades que desde as escolas deportivas municipais realizan durante as vacacións de Nadal, que continúan hoxe mesmo coa celebración dun torneo de fútbol sala no pavillón municipal das categorías infantil e cadete.

O concelleiro de Dinamización, Dani García, sinalou que “estas actividades, ao igual que outras de carácter cultural, realízanse coa intención de que as nenas e nenos de Barreiros teñan alternativas de ocio organizadas polo propio concello e poidan gozar de actividades colectivas nas que seguir mantendo as relacións e certos hábitos durante as vacacións de Nadal, nas que non hai escola nin actividade deportiva regrada como tal”.

Baixo esta premisa, o Concello ten elaborado un calendario de actividades que se veñen desenvolvendo durante estas tres semanas no que se alternan actividades deportivas -coma torneos ou carreiras-, culturais -como a Xincana de Nadal- ou as clásicas visitas das personaxes máxicas destas datas.

Exit mobile version