Despois de 20 anos sufrindo un grave problema urbanístico de acceso ás súas vivendas, tras varias solicitudes con escritos incluídos, tras rogos do BNG propoñendo alternativas, e ata co informe da xerente de Ambulancias Burela corroborando que as ambulancias non poden acceder en caso de emerxencia, a veciñanza da Misericordia tivo que chegar ao punto de solicitar que se lle dera voz no pleno para ser escoitada, algo que nunca se fixera no concello e que se conseguiu grazas ás sinaturas das persoas veciñas que empatizaron coa súa situación.
Míriam Bermúdez, concelleira do BNG, indica que “durante o pleno do mes de novembro, a veciñazanda da Misericordia tivo por fin a ocasión de expoñer a súa problemática ao equipo de goberno e ao resto da corporación. De algo serviu a súa intervención no pleno, pois comentou a alcaldesa que facendo o inventariado municipal, apareceu un vial que podería dar solución a esta situación, e que sería o persoal técnico do concello quen daría os detalles.”
“Tamén comentou que xa tiña pensado reunirse antes coa veciñanza, pero como solicitou intervir no pleno, pois que decidiu agardar. Preguntámonos a que agarda agora, pois xa pasou un mes dende a intervención da veciñanza no pleno, e tres meses dende que a solicitaron, polo que continúan sen reunión, sen información e sen solucións.”, incideu Míriam Bermúdez.
Como ben explicaron, para cobrarlles os impostos si que se acorda o Concello, pero para darlles solucións non. Non viven no centro nin en zona turística, pero existen. Son moitos anos de reclamacións, e teñen dereito a unha solución urxente.
Polo que unha vez máis, dende o BNG pedimos á alcaldesa que convoque a reunión cos veciños e veciñas da Misericordia sen máis demora.