Site icon Crónica3.com A Mariña

Ribadeo presenta en Fitur ‘Mareas vivas nas Catedrais’, co obxectivo de ofrecerlle ao visitante gozar do areal dun xeito diferente e sosegado

Ribadeo, 19 de xaneiro de 2023. A delegación ribadense desprazada a Fitur mantén unha intensa axenda reuníndose con axencias de viaxes e turoperadores que traballan no ámbito internacional co obxectivo de avanzar na desestacionalización do turismo baseándose nos recursos naturais, históricos e culturais.

O concelleiro de Turismo, Pablo Vizoso, contou que “hoxe desenvolvemos en Fitur unha intensa axenda de traballo, de entrevistas e de contactos con empresas especializadas, como axencias de viaxes, turoperadores ou receptivos que traballan habitualmente con visitantes e con grupos de ámbito internacional, co obxectivo de avanzar na desestacionalización e no turismo de calidade, para aportar principalmente un maior valor ao noso sector turístico”.

O edil ribadense subliñou que “tamén estamos observando o elevado interese que estes profesionais amosan polo produto turístico que lanzamos nestes días, que denominamos Mareas vivas nas Catedrais e que vai permitir a quen nos visita gozar desta praia, que funciona como o noso emblema internacionalmente, dunha maneira diferente, máis sosegada, e rematar no casco urbano de Ribadeo para disfrutar de todos os seus encantos, dos seus establecementos e da súa hostalería”.

En Fitur atópanse o alcalde, Fernando Suárez, os concelleiros de Turismo e de Cultura, Pablo Vizoso e Pilar Otero, a técnica de Turismo, Begoña García, e o xerente de Acisa, Jesús Pérez.

Exit mobile version