Desde este mércores 18 de xaneiro ata o sábado 21 de xaneiro os produtos pesqueiros da lonxa de Burela serán os protagonistas en diferentes degustacións e presentacións que terán lugar en Madrid, aproveitando a Feira Internacional de Turismo de Fitur
Burela, 18 de xaneiro, 2023. A Organización de Produtores Pesqueiros do Porto de Burela e Armadores de Burela colaboran esta semana en Madrid en numerosos eventos gastronómicos, turísticos e pesqueiros, onde o “Peixe de Burela” será o protagonista para contribuír a promover o “turismo de experiencias de Ribadeo”, a variada “oferta gastronómica da provincia de Lugo”, a vindeira edición da “feira náutico-pesqueira Expomar” ou a importancia da “Feira do Bonito” entre as Festas Gastronómicas de Interese Turístico Nacional.
Dentro da programación da Feira Internacional de Turismo, Fitur 2023, o stand da Axencia de Turismo de Galicia acolle este mércores 18 a presentación dalgunhas das principais Festas Gastronómicas de Interese Turístico Nacional, como a Feira do Bonito de Burela. O bonito do norte de Burela será o protagonista dunha degustación gastronómica.
Pola súa banda, a Casa de Galicia de Madrid acolle diferentes ponencias de grande interese para a provincia de Lugo. Este mércores ás 19.30 horas, a Merluza D& Burela será a protagonista dunha degustación de produtos agroalimentarios e pesqueiros da Mariña Lucense, dentro da presentación “Experiencias en Ribadeo”.
Posteriormente, a partir das 20.30 horas, a APEHL (Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería de Lugo) celebra no mesmo lugar unha cea-cóctel elaborada con produtos da provincia de Lugo, na que se celebrará unha “Brocheta de Pescada do Pincho de Burela sobre puré de pataca de Galicia con allada”.
A Casa de Galicia de Madrid tamén acollerá este xoves a presentación oficial da próxima Feira Expomar, que se celebrará na nave de redes do porto de Burela do 10 ao 13 de maio. Ao remate desta presentación, á que asistirán diferentes personalidades do sector pesqueiro e político galego e nacional, terá lugar unha degustación gastronómica de “Peixe de Burela” patrocinada pola Consellería do Mar da Xunta de Galicia en colaboración con Armadores de Burela e a OPP-7 Porto de Burela. Na mesa serán de novo os protagonistas o bonito do norte e a pescada do pincho, xunto coa cabala e o peixe espada, que representan ás principais frotas do porto de Burela.
E para rematar esta quenda de promoción gastronómica, o stand do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación acollerá o sábado ás 13.00 horas unha degustación especial de Merluza D& Burela no marco do evento “A que sabe o teu Destino? Sabe a Merluza”. A presentación está organizada pola Federación Nacional de Confrarías de Pescadores dentro da súa promoción dos Peixes e Mariscos de España.