Rodríguez confirma que continuará como portavoz municipal ata o final do mandato
Viveiro, 14 de xaneiro de 2023. Óscar Rodríguez, presidente e portavoz do PP de Viveiro, confirmou esta mañá en rolda de prensa que, “por motivos estritamente persoais”, non optará a encabezar a lista popular para as próximas eleccións locais. Rodríguez seguirá como portavoz municipal ata o final do mandato e sinala que a experiencia municipal resultou para el altamente positiva.
Rodríguez di que os anos como portavoz municipal popular no Concello constituíron para el un tempo moi satisfactorio, tanto polo aprendizaxe que supuxo como polas amizades forxadas neste tempo, pero “a vida son etapas e a seguinte, para min, ten que estar centrada en cuestións persoais, que recomendan dar un paso ao lado na actividade política”.
O portavoz popular deixa claro que as relacións co partido, coa súa directiva, son tan boas como foron durante todo o tempo e como o seguirán sendo. Óscar Rodríguez indica que o partido seguirá as pautas habituais para a designación do cabeza de lista para as próximas eleccións.
Para Rodríguez, un dos motivos de satisfacción do traballo realizado ao longo deste anos son os investimentos da Xunta no municipio. A este respecto sinala: “A Xunta é a Administración que máis inviste en Viveiro. Neste tempo conseguiuse, por exemplo, a ampliación da estación depuradora de augas residuais, está en execución o saneamento de Celeiro, instalouse o novo emisario e están previstas e orzamentadas as obras de mellora da LU-540”. Igualmente, destaca “que se liberou de galpóns o peirao vello, acometéronse melloras no porto de Celeiro e levouse a cabo a reforma do albergue de Area”.