Site icon Crónica3.com A Mariña

Os socialistas de Abadín urxen ao concello arranxar as goteiras do pavillón municipal

O Voceiro lamenta esta situación de abandono e acusa ao PP “dunha falta total de mantemento das instalacións deportivas. Convidamos ao concelleiro de deportes a poñerse a traballar, algo que non fixo en todo o mandato”

Abadín, 19 de xaneiro de 2023. O Voceiro Socialista de Abadín, Pablo Díaz, emprazou hoxe ao Alcalde e a todo o seu Goberno “a arranxar de xeito urxente as goteiras do Pavillón Municipal da vila”. Advirte de que “a desidia e a incapacidade política do Alcalde fai que as nenas e nenos do concello non poidan xogar no polideportivo, nin que se poidan realizar actividades extraescolares, ou mesmo poidan xurdir iniciativas para a práctica de calquera disciplina deportiva”, nestas dependencias.

Os socialistas de Abadín explican que esta situación “vense sufrindo dende fai anos, e impide que se poidan desenvolver con normalidade as actividades deportivas no concello e, o que é un problema máis importante, pode supoñer un risco para a seguridade das nenas e nenos que practican deporte nesta instalación municipal”.

Hai que lembrar que hai un equipo federado de fútbol sala das nenas e nenos do CEIP Aquilino Iglesia Alvariño, “que por mor desta situación non pode xogar os seus partidos como local, no seu propio concello, tendo que desprazarse a concellos limítrofes, nin adestrar con normalidade”.

Pablo Díaz lamenta esta situación de abandono e acusa ao PP “dunha falta total de mantemento das instalacións deportivas. Dende aquí, convidamos ao concelleiro de deportes a poñerse a traballar, algo que non fixo en todo o mandato. Deben preocupase e ocuparse das nosas instalacións públicas, e non esperar a que pare de chover”, dixo.

Exit mobile version