Site icon Crónica3.com A Mariña

O SLG advirte que a Xunta volta disciminar ás labregas e labregos no acceso a axudas públicas: Programa Impacto Autónomo 2023

O tope máximo de ingresos establecido no Programa Impacto Autónomo 2023 deixaría fóra a case tódalas granxas de carne

Compostela, 5 de Xaneiro 2023. As axudas do Programa Impacto Autónomo 2023 publicadas pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade non teñen en conta a realidade das persoas autónomas que realizan actividades agrícolas e gandeiras en Galiza.

Por unha banda, o feito de que a Administración pública se decantara por un procedemento de concesión por concorrencia non competitiva -é dicir, que as primeiras solicitudes que chegan son as aceptadas-, implica colocar en situación de desvantaxe ás persoas que non conten con equipamento informático axeitado ou conexión de calidade á internet, situación habitual no medio rural deste país, dificultando o acceso ás mesmas tanto polas persoas que nos adicamos á produción de alimentos, como a todas aquelas pequenas e pequenos autónomos que desenvolven actividades profesionais nestas contornas, como perruquerías, tabernas, talleres, tendas…

Por outra, o límite de 10.000 euros de beneficio neto en 2021 implica deixar fóra explotacións de bovino de carne que tributen por módulos en IRPF con ingresos brutos inferiores a 110.000 euros, é dicir, a práctica totalidade do sector en Galiza.

Dende o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas esiximos á Consellaría de Promoción do Emprego e Igualdade que antes do 9 de xaneiro -data de apertura do programa- rectifique a modalidade do procedemento, que debería establecerse por concorrencia competitiva; adecuando asemade o tope de ingresos máximos á realidade gandeira e labrega do noso país, a fin de subsanar a patente discriminación das persoas que viven no medio rural a favor daquelas potenciais beneficiarias que habitan en áreas urbanas.

Exit mobile version