Site icon Crónica3.com A Mariña

O Presidente da Deputación destaca en Lourenzá a “pegada decisiva e indeleble” de Fernández del Riego no galeguismo, na lingua e na cultura

Lugo, 07 de xaneiro de 2023. O mandatario provincial participou nos actos con motivo da apertura do ano dedicado ao escritor e intelectual nado neste concello mariñán, a quen se lle dedican as Letras Galegas 2023, e que contan co apoio da Deputación

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, participou este sábado en Lourenzá nos actos de apertura do Ano Francisco Fernández del Riego, a quen se lle dedican as Letras Galegas 2023, e onde destacou a “pegada decisiva e indeleble” no galeguismo, na lingua e na cultura do século XX deste escritor e intelectual nado no concello mariñán. Na cita, que tivo lugar na Sala de Exposicións do Concello, o mandatario provincial estivo acompañado polo presidente da Real Academia Galega, Víctor Fernández Freixanes, e a Alcaldesa da localidade, Rocío López, e o Conselleiro de Cultura, Romám Rodríguez, entre outras autoridades.

“Estou seguro de que Don Paco estaría moi contento de comezar na súa vila natal este ano no que imos repasar case que un século de vida consagrada á cultura galega”, sinalou o Presidente da institución provincial, que colabora coa programación.

Na súa intervención, o mandatario puxo en valor que “como ocorre con Pessoa en Lisboa ou con Joyce en Dublín, a figura de Fernández del Riego é inseparable da paisaxe urbana de Vigo. Pero el sempre tivo moi presentes as súas orixes lucenses, e mesmo empregou en prensa seudónimos que eran unha declaración expresa de amor pola súa terra, como os de ‘Salvador Lourenzá’ ou ‘Cosme Barreiros’”.

Destacou que “é de xustiza lembrar as orixes dun modesto veciño de Lourenzá que coa súa infatigable actividade como escritor, editor, columnista ou dinamizador político, deixou unha pegada decisiva e indeleble no galeguismo, na lingua e na cultura do noso século XX” e que facéndoo “estaremos reivindicando unha parte moi importante do seu legado, porque a traxectoria de Paco Fernández del Riego demostra que o futuro de Galicia non se ten que escribir facendo escollas entre realidades contrapostas, senón buscando a súa síntese”.

“Non temos que elixir entre rural e urbano; entre modernidade e tradición; entre progreso e conservación da cultura”, apuntou José Tomé, que subliñou que tanto a vida como a obra de Fernández del Riego “dinnos que esa sería unha escolla falsa, empobrecedora. Unha escolla que nos enreda en liortas estériles que, ou non dan froito, ou – aínda peor- só serven como pantalla detrás da que agochar políticas erróneas”.

Fernández del Riego, dixo o Presidente, “foi, como tantos traballadores e emigrantes, un neno do rural que deu o mellor de si para o crecemento das cidades. Un home que entendeu que o coñecemento das nosas tradicións é a base máis sólida sobre a que construír a modernidade. E, por suposto, sempre sostivo que Galicia só tería a forza necesaria para preservar a súa lingua, a súa cultura e a súa identidade, se garantía o seu progreso social, económico e político”.

Razón pola que, segundo as palabras de Tomé Roca, “dentro das homenaxes que lle vamos render neste ano á súa figura, temos que incluír a de loitar por ese equilibrio, que é fundamental para Galicia. Un equilibrio que lle dea ós veciños e veciñas do rural o mesmo acceso ós servizos públicos, ó ensino, á sanidade, á cultura, ás infraestruturas e ás novas tecnoloxías, dos que desfrutan os galegos e galegas das cidades. Desta forma, estaremos cumprindo, non só o mandato constitucional de igualdade entre as persoas, senón que estaremos garantindo o futuro do noso rural, que é o futuro de Galicia”.

“Precisamos desenvolver políticas públicas que aprendan do exemplo de Don Paco. Que busquen os grandes logros empezando por coidar as pequenas orixes”, apuntou.

Agradeceu a decisión da Real Academia Galega para dedicar este ano a Fernández del Riego e felicitou a Alcaldesa e a todo o Concello de Lourenzá pola “implicación e polo traballo que fixeron para lograr este obxectivo e tamén para divulgar e para manter viva a herdanza de Francisco Fernández del Riego” porque “os mellores proxectos de futuro son os que se constrúen sabendo poñer en valor o mellor do noso pasado”.

Desenvolvemento dos actos

Os actos con motivo da apertura das Letras Galegas 2023 consistiron na inauguración da mostra 110 anos de Del Riego, a presentación dun calendario biográfico sobre o autor, un concerto do Grupo de Música Antiga 1500 e a actuación da Asociación Cultural Osorio Guitierrez.

Exit mobile version