Castiñeira lembra que “o alcalde comprometeuse a que en calquera negociación coa empresa participarían tamén os voceiros da oposición e nós non sabemos nada; estamos a día 11 e o único que sabemos é que o Consorcio cumpriu o prometido”
Foz, 11 de xaneiro de 2023. A falta de eficacia do goberno presidido polo socialista Fran Cajoto crea dificultades para a xestión dos principais servizos do Concello. Ocorre no caso da Residencia da Terceira Idade. O portavoz popular, Javier Castiñeira, lembra que “o 16 de xaneiro rematará a vixencia do contrato entre o Concello e a empresa que xestiona a residencia e rematará tamén o prazo que deu a empresa para solucionar o reequilibrio económico e para negociar unha posible prórroga, polo menos ata que saia a nova licitación”. O portavoz popular di que “se o goberno formado por PSOE e BNG tivera os deberes feitos hai seis meses, como lle pediamos os populares, non estariamos agora tan apurados, pero, como este goberno fai as cousas sen organizarse, estamos así; agora reclamamos seriedade e que cumpran os compromisos alcanzados coa oposición nas pasadas reunións entre o alcalde e o Partido Popular”
Castiñeira sinala: “O PP de Foz traballou en positivo, ofreceuse ao Concello para avanzar no novo convenio co Consorcio Galego, que xa mandou o borrador ao Concello de Foz, pero no PP non sabemos nada máis”. Destaca que “é necesario avanzar tamén coa empresa”. Engade: “O alcalde comprometeuse a que en calquera negociación coa empresa participarían tamén os voceiros da oposición e nós non sabemos nada; estamos a día 11 e o único que sabemos é que o Consorcio cumpriu o prometido na reunión, que foi mandar o borrador antes do 10 de xaneiro. Esperemos que canto antes o Concello nos dea algún tipo de avance”.
Para o PP, “o importante é non deixar de lado ás negociación coa empresa, porque o próximo 16 remata o prazo e iso é o que nos preocupa”.