A falta de seguridade non se debe só á carencia de beirarrúas, porque a falta de limpeza das cunetas fai que a auga corra pola calzada en tramos de pendente moi acusada
Castiñeira explica que é “unha estrada na que dende hai moito tempo vimos demandando moita máis seguridade; solicitamos hai meses que se dotara dunha beirarrúa a esta estrada, que é a que comunica Burela co seu cemiterio e con outras infraestruturas. Esta vía ten moitísimo tráfico, tanto de vehículos de veciños de Cervo e de Burela como tráfico pesado, especialmente de madeira, ao que agora se lle vai unir o tráfico de caolín unha vez que se reanude a actividade na mina”.
O portavoz popular sinala que “como non se fixo absolutamente nada, nin por parte do goberno da Deputación nin polo Concello de Burela, queremos recordar, porque os veciños así o piden, a necesidade de mellorar a seguridade vial nesta estrada”. Castiñeira declara: “Hai un problema maior de seguridade para os peóns, como dixemos sempre ao reclamar unhas beirarrúas que permitiran un acceso seguro ao cemiterio; tamén pola falta de limpeza das cunetas nas que, por estar atascadas, a auga desborda pola calzada, o que pode ser perigoso porque esta vía ten unha acusada pendente. É necesario mellorar a seguridade pola cantidade de tráfico que hai nesta vía, tanto tráfico lixeiro como pesado, de transporte de madeira, ao que nos próximos meses se engadirá o do transporte de caolín”.
En resumo, o PP quere “que o goberno da Deputación de Lugo dea unha solución aos veciños de Burela en canto a seguridade para o tráfico en xeral, e en especial para o peonil na estrada LU-P 1502”.