Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP espera contar na Deputación co apoio do PSOE e do BNG para instar ao Goberno de España a incluír a carne e o peixe nos produtos con IVE reducido

Castiñeira lembra que, pola non redución do IVE, “moita xente, lamentablemente, está prescindido de produtos cárnicos e pesqueiros na súa bolsa da compra, o que nos prexudica dobremente, como veciños desta provincia e como consumidores”

Lugo, 30 de xaneiro de 2023. Unha vez máis, o PP ten que intentar corrixir decisións do Goberno presidido polo socialista Pedro Sánchez que afectan de maneira grave, moi negativamente, aos intereses da provincia. Nesta ocasión, os populares, como adianta o seu portavoz, Javier Castiñeira, tratarán de que o pleno da Deputación acorde mañá instar ao Goberno a incluír a carne e o peixe dentro dos produtos básicos con IVE reducido.

Castiñeira sinala: “Parece ser que o Partido Socialista non ten claro que o sector primario é fundamental na nosa provincia. O Goberno deixou fóra da redución do IVE dos produtos básicos a carne e o peixe, a pesar de que na provincia de Lugo temos produtos pesqueiros e cárnicos de recoñecido prestixio. Son dúas industrias, a pesqueira e a da carne, que xeran moito valor económico na nosa provincia e moitos empregos”.

A exclusión da carne da redución do IVE “está prexudicando claramente os intereses da provincia”, segundo Castiñeira. Sinala: “Por iso, o grupo do Partido Popular levará unha moción ao pleno de mañá da Deputación, pedindo ao Goberno de España que rectifique as súas medidas e que inclúa nesa redución do IVE produtos tan importantes como son a carne e o peixe; son importantes para a provincia e son importantes para a dieta dos lucenses”.

Os populares destacan que “coa alza de prezos que se veu dando nestes últimos anos, moita xente, lamentablemente, está prescindido de produtos cárnicos e pesqueiros na súa bolsa da compra, o que nos prexudica dobremente, como veciños desta provincia e como consumidores”.

O portavoz popular espera “que o PSOE de Lugo non faga como sempre e que, nesta ocasión, opte por protexer os intereses da provincia e non os intereses dun señor, o señor Sánchez, que por seguir na Moncloa, e, moi probablemente, por seguir escoitando preceptos ideolóxicos que lle establece Podemos, está prexudicando seriamente á nosa provincia”.

Exit mobile version