A popular sinala que “non criticamos nin insistimos por capricho”; senón que “cremos nunha oposición construtiva e actuamos en consecuencia”. Nese sentido, apunta que “o Grupo Municipal Popular traslada as queixas e demandas dos veciños” e, en relación aos aparcamentos en Ribadeo, “a realidade, que non negará o goberno do BNG, é que é tercermundista, ou vergoñenta como diría eles. A realidade dos aparcamentos en Ribadeo é que choven catro gotas e convértense en lameiros e fochancas cheas de auga”.
Marta Saiz apunta que “o goberno do BNG é moi afeccionado ás fotos” e, polo tanto convídaos a “pasar por iso que decidiron chamar aparcamento ao lado do Gadis ou polo prado que hai detrás da estación de autobuses ou polo que está ao lado do colexio Sagrado Corazón ou, incluso, poden pasar a ver o estado do último que anunciaron detrás da escola infantil que é o peor de todos porque ao estar en costa arrastra toda a terra”. A popular insiste en que “son todos uns auténticos lameiros excepto o que se fixo na época doutro goberno municipal”.
A coordinadora de promoción local do PP ribadense cre que “é probable que este goberno do BNG non bote de menos onde aparcar porque xa se sabe que entre coches oficiais e o reservado para vehículos municipais detrás do Concello eles xa teñen ese problema resolto; pero o resto de veciños e visitantes, non”.
A este respecto, sinala que “a falta de aparcamentos decentes repercute negativamente na economía local, non favorece o tecido económico. Por riba de haber poucos, son lameiros e fochancas”.
Saiz apunta que “probablemente, máis cedo que tarde, prometerán un novo aparcamento. A mesma promesa de sempre para ocupar un espazo no tríptico do programa electoral, pero que será só iso: letra e máis letra sen resultados”.
A popular entende que “quizás nun ano non dea tempo a facer cousas ou que incluso nun mandato queden cousas por facer, pero o que non se fixo en 16 anos é porque non houbo intención de facelo. Porque 16 anos dan para moito, incluso para enganar aos veciños con falsas promesas”. Pero, “xa non son cribles. O traballo e o resultado son os que dan e quitan credibilidade e con este goberno do BNG: pouco traballo e, moito menos, resultados”.