Os populares votaron a favor das axudas da luz no pleno extraordinario do 13 de decembro de 2022 pero poñendo en relevo a necesidade de aumentar o importe das axudas
Muras, 14 de decembro do 2022. O grupo municipal popular de Muras propuxo no último pleno, celebrado o 13 de decembro do 2022, un aumento na contía das axudas para a luz ante a forte subida no prezo da factura no ano 2022 provocada en gran medida pola guerra de Ucraína e Rusia.
No pleno, de carácter extraordinario abordouse a votación para ampliar estas axudas para a luz aos veciños do municipio. Neste sentido, os populares votaron a favor pero poñendo de manifesto a forte subida da factura da luz no último ano e a necesidade de compensalo aumentando a contía que deben percibir os veciños. A voceira dos populares, Eugenia Requeijo, lembra que “ao redor do 85% dos veciños de Muras solicitan estas axudas para pagar os recibos”. Unhas axudas que varían entre os 600 e os 300 euros dependendo da renta anual.
Outro dos asuntos que se levaron a pleno foi a axuda a estudantes no estranxeiro para o curso 2022-2023 por un importe de 1.000 euros. Eugenia Requeijo explica que “votamos a favor e se aprobaron as bases das axudas destinadas a estudantes que están no estranxeiro estudando ERASMUS como apoio económico para que poidan levar a cabo a súa formación ou a súa especialización”.
Por outra banda, levouse a pleno a aceptación do recurso de reposición para a aprobación da votación da moción presentada polo PP no pleno de outubro de 2021 contra a orde ministerial de inclusión do lobo no listado de especies en réxime de protección especial, un asunto de particular atención no concello. Case todos os veciños e veciñas de Muras teñen gando ou unha explotación gandeira, polo que son coñecedores das desfeitas que pode ocasionar o lobo contra os animais e como consecuencia na economía do municipio