A popular esixe ao goberno local “atender máis aos intereses dos veciños e veciñas” e urxe a “xestionar o arranxo das vías municipais e provinciais que se atopan en moi mal estado”
Muras, 23 de xaneiro do 2023. “O BNG está en contra dos eólicos, pero o alcalde nacionalista de Muras anuncia inversións no municipio que se financian cos cartos do Fondo de Compensación Ambiental, os que percibe o Concello por parte da Xunta polo canon eólico”, explica a portavoz popular e candidata á alcaldía, Eugenia Requeijo, que lamenta a “dobre moral do alcalde do BNG”.
A popular explica que “as actuacións no colexio anunciadas polo alcalde son financiadas con parte do medio millón de euros que a Xunta aporta ao Concello a través do Fondo de Compensación Ambiental e que o goberno local ten a liberdade para decidir en que investir”.
Neste caso, “queda claro que se trata dunha actuación con fins partidistas e electoralistas”. Primeiro, porque “o alcalde fixo o anuncio coincidindo cunha visita da portavoz nacional do BNG a Muras” e, segundo, porque “fai este anuncio a poucos meses das eleccións municipais e a pesar de que, actualmente, a cuberta non está danada. De feito, fai un par de anos a Xunta actuou de forma responsable na parte que precisaba actuacións urxentes para garantir a seguridade das instalacións”.
A popular pon en valor as xestións da Xunta en materia de Educación lembrando “a rapidez coa que a xefatura territorial deu solución aos problemas de transporte escolar derivados da mala xestión dos gobernos local e provincial que cortaron ao tráfico sen previo aviso a rúa que pasa por diante do Concello para levar a cabo obras que, ademais, se fixeron fóra de prazo”.
PISTAS EN MAL ESTADO
A popular urxe ao goberno local que “atenda menos aos intereses dos seus partidos e máis aos intereses dos veciños e veciñas de Muras”. Nese sentido, subliña “un dos problemas aos que temos que facer fronte no noso día a día e, máis aínda se cabe, agora no inverno: o mal estado das pistas tanto municipais coma provinciais que discorren polo noso municipio”. É por iso polo que urxe ao goberno bipartito a “xestionar a reparación das vías municipais e trasladar ao goberno provincial a necesidade de actuar nas que son de titularidade da Deputación de Lugo, como xa temos advertido dende o PP”.
Tamén en relación ás pistas, Eugenia Requeijo lamenta “a falta de previsión por parte do goberno local cando hai temporal ou caen nevaradas. Non actuaron con rapidez nin organización e somos os veciños e veciñas os que nos tempos que buscar a vida” en materia de mobilidade.