O delegado da Xunta, Javier Arias, explicou a Castiñeira, na reunión solicitada por este, en que momento se atopa o desenvolvemento dalgúns dos investimentos en execución ou proxectados no municipio, todos eles impulsados polo PP de Foz
Castiñeira saíu “moi satisfeito da reunión co delegado da Xunta de Galicia, Javier Arias, despois dunha petición do PP de Foz para facer un seguimento das obras que se están a excutar ou que están proxectadas no noso concello, obras que xestionou dende un inicio o PP”. Explica: “Unha delas é a depuradora de augas residuais, cuxas obras se iniciarán nos próximos meses. E tamén son moi importantes as melloras no IES de Foz, por 1,2 millóns de euros, que se executan a raíz dunha moción do Partido Popular no pleno; estase traballando de forma coordinada coa comunidade educativa”.
O portavoz popular manifestou ao final da reunión: “Saímos tamén satisfeitos porque sobre outra petición que tiñamos feita para a parroquia de Cangas, que é continuar as beirarrúas no núcleo urbano, temos boas noticias; as obras iniciaranse nas próximas semanas”. Castiñeira lembra que esta obra foi solicitada pola asociación de veciños de Cangas nunha das reunión que mantivo co grupo municipal popular.
Para os populares está claro que “o compromiso da Xunta con Foz é total e absoluto”. Castiñeira anuncia que “o Partido Popular seguirá facendo o seu traballo, en positivo, neste caso dende a oposición, continuando o labor que fixemos dende o goberno local nos anteriores oito anos”.