Os populares apoian a convocatoria dun comité de crise no que estean representados todos os afectados e todos os grupos políticos
Foz, 20 de xaneiro de 2023. O PP avisou ao alcalde, Fran Cajoto (PSOE), unha e outra vez ao longo dos últimos anos de que debía convocar o novo concurso para a xestión da Residencia da Terceira Idade, para que, cando chegara o momento, o relevo se fixese sen problemas. Agora, o portavoz popular, Javier Castiñeira, di que o alcalde “debe facer caso aos 102 familiares e traballadores da Residencia que lle piden que se faga co servizo, despois de ter esgotada a solución natural, que era sacar o concurso hai seis meses para que agora estivésemos no novo período, coa empresa que o ganara”. Pero, explica Castiñeira, tamén “para iso tiña que ter renovado o convenio, tal como dicía o PP hai medio ano, co Consorcio Galego, e non quixo facelo; agora, tarde, mal e arrastro, acabou firmando”.
Para os populares, Cajoto “é o verdadeiro causante disto e non é a persoa capacitada para sacar adiante a solución ao problema”, polo que “o PP apoia a decisión dos familiares e dos traballadores de que sexa agora o Concello o que subrogue aos traballadores e trate de levar unha transición o máis normal posible”.
No PP non cren que sexa unha boa solución recorrer a una empresa para que xestione a Residencia interinamente. Castiñeira indica: “Que apareza unha terceira empresa para seis meses de transición sería unha moi mala opción, porque ese sería o período necesario para que esa empresa se estabilizara”. Engade: “O mal está feito, a intranquilidade nos residentes e nos traballadores está aí e o señor Cajoto non é garante de nada, só de problemas; está illado. Esperemos que faga caso dos familiares e dos traballadores e que convoque un comité de crise no que estean representados todos os afectados e todos os grupos políticos”.
Os populares aseguran que estarán sempre en disposición de colaborar, como -din- sempre o estiveron “e así se conseguiu que se renovara o convenio co Consorcio; está pasando todo do que avisou o PP e que desgraciadamente o señor Cajoto non quixo atender”.