O portavoz popular pon en valor os investimentos da Xunta en Burela en materia sociosanitaria e educativa
Burela, 25 de xaneiro de 2023. O PP de Burela expresa o seu agradecemento ao delegado da Xunta, Javier Arias, pola visita a esta vila “para interesarse por distintos aspectos sociais, culturais e educativos, cos que a Xunta de Galicia está enormemente comprometida, así como o propio Partido Popular”.
O portavoz popular, Manuel Rouco, destacou en primeiro lugar a visita ao centro que as Hermanas Rogacionistas del Divino Celo teñen en Burela, “no que desenvolven un labor fundamental, con numerosos menores”. Os populares destacan “o novo proxecto nas vivendas tuteladas que a congregación está a arranxar en Os Castros, que foron subvencionadas pola Xunta con máis de 65.000 euros”. Engade: “É un compromiso do PP a mediación para conseguir máis axudas económicas para que a congregación poida financiar este proxecto tan importante”.
A visita incluíu, explicou Rouco, “o centro de educación primaria Vista Alegre, onde o delegado, acompañado por membros do PP, tomou boa nota das necesidades máis importantes, para telas en conta nos investimentos que en infraestruturas educativas vai realizar a Xunta na nosa vila”. Indicou que a ANPA expresou o agradecemento polas melloras que en materia de xestión e investimento efectuou a Xunta neste centro educativo.
O PP de Burela, comprometido coa protección social
Ao fío da visita efectuada polo delegado da Xunta de Galicia, o portavoz popular, Manuel Rouco, subliñou o compromiso do PP de Burela cos proxectos de protección social.
O PP, sinalou Rouco, “quere converter Burela no centro da Mariña en materia de protección social, sacando para adiante proxectos pioneiros neste eido que xa nos teñen presentado diversas asociacións e colectivos”.
Así mesmo, Rouco defende o deseño e execución dun “plan de mantemento das instalacións que dependen do Concello, como é o caso dos colexios, para garantir unhas condicións óptimas de servizo e seguridade”.