Os populares queren que o goberno local dea a coñecer os resultados das analíticas máis recentes
A Pontenova, 12 de xaneiro de 2023. O abastecemento de auga é unha competencia propia dos concellos e constitúe un dos servizos básicos á poboación. O municipio de A Pontenova leva varias semanas sufrindo un grave problema que é que a auga que sae das billas está moi turbia, de maneira que entre a veciñanza esperta serias dúbidas acerca de que reúna as condicións para o seu consumo. Así o pon de manifesto a xestora do PP, presidido por Concepción Novo, que esixe ao goberno local que dea explicacións as respecto e resolva o problema sen máis demora.
Os populares consideran inaudito que o goberno local non dera aínda explicación algunha de que motiva que a auga da traída estea tan turbia e que non confirmara debidamente se é apta ou non para o consumo. Entre os veciños existe seria preocupación, tanta que son moitos os que evitan usar a auga da traída para beber ou cociñar.
No PP din que o goberno municipal é incapaz de adoptar as medidas necesarias para resolver o problema que fai que a auga da traída teña tan mal aspecto que suscita dúbidas en canto a que reúna as condicións mínimas para ser apta para o consumo. Os populares queren que o Concello dea a coñecer os resultados das analíticas máis recentes.